venres 03.04.2020

Varios presidentes autonómicos piden a Sánchez que pare toda actividade económica non “esencial”

Feixoo é partidario de manter a actividade industrial mais pide matrial de protección para o persoal deses sectores que o precise.

Conservas nun supermercado (Xoán Roberes)
Conservas nun supermercado (Xoán Roberes)

Varios presidentes autonómicos formularon a Pedro Sánchez este domingo a necesidade de paralizar toda actividade que non sexa “esencial”, unha proposta desbotada polo mandatario español, que incide en que as medidas que se tomaron son xa das máis restritivas.

Os presidentes de Catalunya, Andalucía ou Murcia consideran que a gravidade da situación obriga a ir un paso máis alá e decretar unha paralización total da actividade económica, agás aquelas actividades indispensábeis.

“Prefiro o desgaste económica, que o haberá, antes que a perda de vidas humanas”, dixo o mandatario murciano, López Miras, que mesmo ordenou parar a actividade na súa rexión, o que levou o Goberno español a lembrarlle que non ten competencias para tomar esa decisión que, baixo o estado de alarma, corresponde ao Executivo de Pedro Sánchez.

Feixoo

Núñez Feixoo expuxo a necesidade de "manter toda a actividade industrial especialmente en sectores fundamentais: toda a cadea alimentaria, así como os sectores de enerxías ou da auga". Tamén reivindicou que, cando as e os traballadores destes sectores o precisen, poidan estar equipados con material de protección fronte ao coronavirus.

O presidente da Xunta lembrou que, unha vez decretado o estado de alarma no Estado español é o Goberno español o que asume o mando e o único, en consecuencia, que pode "ampliar, restrinxir ou matizar que actividades económicas poden seguir funcionando".

Os presidentes autonómicos, remarcou, non teñen "competencia" para decidir se se pecha "algunha actividade aberta no conxunto da nación". "Podemos suxerir, pero quen manda e colle para si as competencias é o Goberno central, que é o que decretou o estado de alarma", dixo.

comentarios