Un presidente pagado de si mesmo, tamén na Covid

Feixoo compareceu no Parlamento para dar conta da xestión da pandemia da Covid. A súa mensaxe foi sinxela: non se pode facer mellor e, para mostra de que se pode facer peor está o Goberno español.

Núñez Feixoo Parlamento Foto do parlamento
photo_camera Núñez Feixoo nun momento da súa interveción (Foto: Parlamento)

Núñez Feixoo compareceu hoxe no Parlamento da Galiza a petición do BNG para dar conta da xestión da pandemia da Covid, que xa matou máis de mil persoas no noso país e que na actualidade mantén o nivel de casos activos por volta de 9.900.

O presidente é can vello. Sabe que a este tipo de comparecencias hai que ir sempre con 3 ou 4 titulares para que medios amigos transmitan o que ao Goberno galego lle interesa que se transmita, lástima fóra. Ademais, hai que levar tamén unhas cantas críticas e acusacións a outras Administracións para facer de ‘cortina de fume’.

Principiou a súa exposición como se agardaba e como, de certo, indicarían as casas de apostas se houber apostas sobre como iniciaría Feixoo este debate:  Incidindo en que os dados da Galiza son moito mellores que os da maioría do resto do Estado. É un argumento que adoita empregar o presidente nas sesións de control na Cámara ou nas intervencións no Pleno. Como unha mensaxe subliminal, ou non tanto, aos galegos: “Pobre de vós que vos tocase ser gobernados polos outros”.

Non levaba nin 5 minutos de intervención e xa apuntou cara 600 kilómetros: “Preocúpame a actuación do Goberno central” na pandemia, dixo. Apuntou coa vista posta tamén a 600 Km, en Madrid, por cuxas tertulias e faladoiros gosta de ir e onde se lle teima en presentar como o centro dereita razoábel e centrista.

Promesas

Feixoo sinalou 3 obxectivos do seu Goberno: evitar o aumento da presión hospitalaria, evitar un segundo confinamento total e atender as persoas máis vulnerábeis. Falou entón de EPis compradas, euros gastados en material, louvou o esforzo do persoal, minimizou o impacto do CVovid no ensino e anunciou, atención, “un sistema de "autodeclaración" ante o Sergas para persoas que son contacto dun positivo”. Como lle retrucou a portavoz do BNG na súa quenda: “anuncia que a poboación galega se rastrexe a si mesma”. Intervención a da nacionalista da que non gostou o presidente: “Non vin facer máis demagoxia en 10 minutos”.

Mais Feixoo tiña otros anuncios preparados: a detección temperá a través das augas residuais das residencias de anciás da presenza de Coronavirus, por exemplo.

Non desaproveitou o presidente a oportunidade para a súa teima particular nas redes sociais nestes días: acusar o Goberno español de ser “inactivo fronte á Covid” mentres é “hiperactivo no que fragmenta a sociedade”, referíndose á “exclusión do castelán como lingua vehicular no ensino”. Recupera Feixoo o argumentario dos sectores sociais máis excluíntes a respecto das linguas cooficiais do Estado.

“Que fixo?”

A portavoz do BNG, organización que solicitou a comparecencia, lembrou que a pandemia xa superou os mil falecementos na Galiza e que estabamos diante da “situación máis difícil das últimas décadas”, polo que recomendou menos triunfalismo do Goberno galego.

Reprochou que despois de 8 meses de pandemia haxa campos nos que non se avanzou. “Que fixo no ámbito sanitario para anticiparse?”, preguntoulle, lembrándolle os “10 anos de recortes na sanidade”.

Ana Pontón puxo o dedo sobre cuestións como a opacidade en torno aos rastrexadores, a baixada na realización de PCR ou a situación das residencias, con especial atención ao que se denunciou na de Salvaterra do Miño.

Tamén incidiu na ausencia de “compromiso” do Goberno galego para con aqueles sectores máis golpeados pola crise, como comercio e hostalaría; ou por unha política de Covid no ensino que se basea, resumiu, en que “cada centro se busque a vida”.

A nacionalista quixo tamén tender a man do BNG para procurar solucións e `propostas á pandemia. Presentou un decálogo de medidas, entre as que se inclúen un plan de reforzo de sanidade pública. Dotación de máis persoal e medios ao ensino ou un plan de rescate para os sectores económicos máis afectados.

“Improvisación”

Gonzalo Caballero, do PSdeG, criticou a “improvisación” de Núñez Feixoo nesta pandemia e a súa teima de acusar sempre e de cargar contra o Goberno do Estado. Exixiulle transparencia e, como Pontón, incidiu na redución de PCR nestes días: “Fixéronse 60.000 nos últimos 15 días fronte ás 125.000 dos 15 anteriores”.

"A intervención vai na súa liña, buscando excusas", reprochoulle o socialista, que tamén sacou a opacidade sobre os rastrexadores e lembrou cando falaban de 6.000, "unha fake news". 

A falla de apoio económico aos sectores económicos máis afectados pola crise derivada da pandemia tamén foi criticada polo socialista, que lle reprochou que "se escape das súas responsabilidades". 

Comentarios