O presidente de Ence será declarado 'persoa non grata' en Pontevedra

O Concello xa outorgara en 2016 a mesma consideración a Mariano Raxoi, após ampliar a concesión á factoría de Lourizán outros 60 anos.
Ignacio de Colmenares, presidente de Ence (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ignacio de Colmenares, presidente de Ence. (Foto: Nós Diario)

O Goberno local de Pontevedra (BNG e PSOE) levará ao vindeiro Pleno unha moción para declarar 'persoa non grata' na cidade o presidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares.

Esta decisión, segundo explicou onte a portavoz do Executivo, Anabel Gulías, é consecuencia dos "incidentes" acontecidos na pasada quinta feira, cando "un grupo de persoas tomou a alcaldía e agrediu verbalmente parte do grupo de Goberno".

"O que pasou marca un antes e un despois, porque se traspasaron moitas liñas vermellas que non se deberían ter traspasado", afirmou Gulías, quen lembrou que os feitos sucederon após a filtración dun vídeo no que De Colmenares advertía dun posíbel "susto ambiental con consecuencias para as persoas" na factoría de Ence en Lourizán.

No vídeo, expuxo a edil, o directivo "sinalaba co dedo a quen el considera os responsábeis políticos das circunstancias da pasteira", unhas palabras polas que "aínda non se retractou" e que "debería condenar sen 'peros'".

"Gasolina ao lume"

A portavoz municipal insistiu en que as declaracións do presidente de Ence "botan gasolina ao lume". "Pontevedra é unha cidade tranquila e vaino seguir sendo, e imos seguir plantando cara a este 'Ence Borroka' que ameaza con seguir utilizando estes métodos para facernos recuar no que lexitimamente pensamos e defendemos", engadiu.

No Pleno da vindeira semana tamén se debaterá unha moción do Goberno local na que se insta a Ence, a Xunta da Galiza e o Estado a "traballar de forma inmediata para o traslado da factoría da ría de Pontevedra".

Cómpre lembrar que o Concello de Pontevedra xa declarara o ex presidente do Goberno estatal Mariano Raxoi 'persoa non grata' en 2016, após ampliar por 60 anos a concesión a Ence en Lourizán.

Comentarios