Santalices pon en marcha a maquinaria para sancionar Bará por rachar unha foto de Felipe VI

O presidente do Parlamento pediu un informe aos servizos xurídicos da cámara do que dará traslado esta sexta feira, nunha convocatoria de urxencia, á Mesa e a Xunta de portavoces.

 

BARA  (4)

O rasgamento dunha fotografía de Felipe VI foi un acto simbólico realizado polo parlamentar do BNG Luís Bará esta cuarta feira desde a tribuna do Parlamento durante a defensa dunha iniciativa de defensa da derrogación da Lei Mordaza. Con ela o parlamentar pretendía enarborar a bandeira da liberdade de expresión, após o Tribunal Europeu de Dereitos Humanos sentenciar que ese dereito fundamental ampara prácticas como a queima de instantáneas de membros da Casa Real.

A resposta do PP foi a de rachar, tamén desde a tribuna do Parlamento, unha fotografía do BNG co líder da esquerda abertzale, Arnaldo Otegi, cualificado de terrorista desde as bancadas populares.

Mais a cousa non ficou aí e o PP premeu na presidencia do Parlamento con vistas a que tomase cartas no asunto. Santalices pediu a seguir un informe aos servizos xurídicos da cámara para depurar as hipotéticas responsabilidades legais en que podería ter incorrido o deputado.

Xa na fronte puramente política, Feixóo cargou con dureza contra o parlamentar do BNG. Cualificou o seu acto de "puro integrismo" e "puro sectarismo", do que poderían decorrer "episodios de violencia nalgunha zona de Galiza", dixo en alusión á queima de bandeiras españolas.

Comentarios