O presidente da Xunta non chama a líder da oposición "desde novembro"

Ana Pontón nega que o BNG e o PP lle estean a facer unha 'pinza' ao PSOE, e que a verdadeira 'pinza' é a que "levan facendo moitos anos o Partido Popular e o Partido Socialista en contra dos intereses de Galiza".

feijoo-ponton
photo_camera Pontón desvelou que desde as eleccións do 12 de xullo só recibira unha chamada por parte de Feixoo (Europa Press / Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, negou este domingo, 24 de xaneiro, que a súa formación e o PP estean a facer unha 'pinza' conxunta ao PSOE e afeou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, non a ter chamado desde "o mes de novembro" malia ser a líder da oposición.

Nunha entrevista á Cadena Ser, a dirixente nacionalista desvelou que desde as eleccións do 12 de xullo "só" recibiu "unha chamada" por parte do presidente onde lle comunicou o feche perimetral das sete cidades a comezos de novembro. Desde entón, asegurou Pontón, non houbo "ningunha vía de diálogo máis".

Por isto mesmo, a portavoz nacional do Bloque rexeitou que haxa "acordos" co PP, desde onde se recoñeceu nas últimas semanas que era máis fácil chegar a consensos cos nacionalistas que cos socialistas.

"Eu non sei que acordos, porque levamos nestes últimos tempos dicíndolle ao señor Feixoo que fagamos un acordo para reforzar a sanidade pública con 200 millóns de euros máis para a Atención Primaria e o que vota o PP é que non", criticou Pontón, que a modo de exemplo subliñou que na terza feira o Parlamento aprobará os orzamentos da Xunta para 2021 e "non se aceptou nin unha soa emenda" da oposición.

Así, negou tamén que haxa unha 'pinza' conxunta contra o PSOE, senón que a verdadeira 'pinza' é a que "levan facendo moitos anos o Partido Popular e o Partido Socialista en contra dos intereses de Galiza".

"Discriminación a Galiza"

Para Pontón, o Goberno do Estado muda de cor política mais "non acaba coa discriminación" a Galiza, en tanto que populares como socialistas "se unen para criticar" o único deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

Precisamente, a portavoz nacional do Bloque lembrou que o debate arredor da rebaixa das portaxes da AP-9 "existe por primeira vez na historia grazas a que o BNG usou o seu deputado a favor dos intereses de Galiza". "Claro, se tivesemos un grupo parlamentario seguramente conseguiriamos moitísimas máis cousas", engadiu.

Iso si, como aínda non se produciu ese abaratamento na Autoestrada do Atlántico, Pontón suxeriu ao PSOE de Pedro Sánchez que "os acordos son para cumprirse". "O acordo era que cando se aprobasen os Orzamentos íanse rebaixar as peaxes. Non é de recibo que non se faga desa maneira", censurou, á vez que instou a que, cando se aplique, se faga "de maneira retroactiva".

"Algo está a fallar"

No plano sanitario, a portavoz nacional do BNG cargou contra a falta de diálogo por parte do presidente da Xunta cando "algo está a fallar" na terceira vaga da pandemia: "No sistema sanitario estanse a cancelar de novo operacións e é un problema moi importante de saúde pública".

De feito, Pontón asegurou que detrás desta crítica non hai unha intención de "desgastar" o Goberno da Xunta, senón unha "preocupación" pola saúde da cidadanía galega e pola evolución da pandemia.

Ante iso, a xefa da oposición insistiu en que as medidas adoptadas até o momento "non serven" para esta terceira vaga e volveu suxerir un confinamento "de 15 días ampliábeis", aínda que "efectivamente non ten que ser tan estrito como na primeira vaga".

"Non entendemos que máis ten que pasar para que Xunta e Goberno central se poñan man a man a tomar a única medida que sabemos que é eficaz e rápida para frear a pandemia", subliñou.

Con todo, esta "actitude errática" do Goberno de Sánchez "non xustifica os erros e a improvisación" da Xunta de Feixoo, á que acusou de "botar balóns fóra" e "eludir as súas responsabilidades".

Neste sentido, a portavoz nacional do BNG lamentou que o presidente galego "marchou toda a fin de semana sen tomar ningunha decisión" no plano sanitario. "Na pasada quinta feira comparecía e non anunciaba nada. Dicía que a semana que vén se tomarían medidas", engadiu.

Ao fío disto, afeoulle que "non despregue todos os mecanismos do estado de alarma" nin solicite a Madrid ese confinamento que reclaman os nacionalistas.

Plan de vacinación

Sobre a campaña de vacinación contra a Covid-19 da Consellaría de Sanidade, Pontón ve "preocupante que a estas alturas no Parlamento non se coñeza cal é o plan" nin "cantas persoas se vai contratar".

"Non é moi críbel que hai 15 días había 207 enfermeiras voluntarias para a vacinación e nunha semana pasan a ser 2.000", dixo, para despois apuntar que non se están a facer ben as cousas" cando esta semana se coñecía que 17 informáticos da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés recibiran a vacina por erro.

Por todo iso, a Feixoo "pediríalle que abandone a propaganda e o autobombo e se poña á fronte da xestión da pandemia", concluíu.

Comentarios