Análise

O presidente aposta pola xestión centralizada para desgastar a Sánchez

Feixoo renuncia a loitar contra o virus.
Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, nunha xuntanza decorrida en 2020 (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Núñez Feixoo e Pedro Sánchez (Foto: Moncloa)

Abondou que a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso demandase un protocolo único á nivel de Estado para facer fronte a segunda onda da pandemia para que o Goberno galego a través de Jesús Vázquez Almuíña se sumase á proposta. Neste liña, o conselleiro de Sanidade reclamou hai uns días unha marco legal común para o territorio estatal, significando a súa importancia á hora de enfrontar o inicio do curso escolar e tamén no momento de acordar novos confinamentos. En definitiva, Alberto Núñez Feixoo pretende volver a un escenario semellante á do estado de alarma e reeditar a táctica política que tan bos resultados lle ten dado nos meses pasados, mesmo a costa de repetir un modelo fracasado e cheo de eivas.

A xestión centralizada demostrouse ineficaz para loitar contra a pandemia. As medidas recollidas no decreto do estado de alarma, onde se unificou a nivel de Estado a compra e a distribución dos equipos de protección básico do persoal sanitario, agudizaron os problemas de desabastecemento, até o punto de verse obrigado o Goberno de Pedro Sánchez a rectificar esta decisión. Así as cousas, unha autoridade na materia como o profesor de loxística e transporte da Universitat Oberta de Catalunya(UOC), Eduard Álvarez Palau sinalou, naquela altura, que “a decisión do Goberno de centralizar a xestión da compra e de distribución das equipas de protección é un factor chave nos problemas de falla de abastecemento”.

A negativa de Feixoo a exercer as súas competencias en materia sanitaria responde antes e agora a unha calculada táctica política. A acción gobernamental do presidente galego non está orientada a combater coa máxima eficacia o virus, senón a evitar o posíbel desgaste derivado dos erros ou dunha resposta non eficiente á pandemia. A este respecto, as políticas de retallos nos servizos públicos acometidas polo PP na última década, a negativa do Goberno galego a dotar de máis medios humanos e materiais ao sistema sanitario ou a oposición a arbitrar medidas excepcionais para determinados grupos de risco converten a determinados segmentos da poboación galega en especialmente vulnerábeis.

Feixoo quere seguir exercendo como xefe da oposición desde Galiza. A asunción por parte do Executivo estatal das funcións sanitarias que corresponden á Xunta da Galiza permite ao mandatario galego repetir a folla de rota dos meses pasados, centrada en deteriorar a posición dos seus rivais políticos, moi particularmente a de Pedro Sánchez. A este respecto, os dirixentes do PP son conscientes dos importantes réditos electorais xerados pola táctica de confrontación co Executivo estatal a conta da pandemia, até o punto que a consideran chave para vitoria nos últimos comicios galegos. Neste liña, lembran como Feixoo chega sen maioría absoluta a marzo e como é capaz de darlle a volta aos prognósticos nos meses seguintes.

Feixoo renuncia a ser presidente dos galegos para exercer como dirixente do Partido Popular. A falla de coñecer a decisión do Gabinete de Pedro Sánchez sobre os criterios de xestión da pandemia, o presidente galego volve ao seu papel máis caro como home de partido, lonxe dese perfil de tecnócrata coidadosamente construída ao longo destas décadas.

Comentarios