Os presidentes de Renfe e Adif comparecen no Congreso dos Deputados polo sinistro de Angrois, a maior traxedia ferroviaria de Galiza, con 79 mortos. O mandatario de Adif, Gonzalo Ferre, insistiu en que en todas as alternativas de trazado da liña ferroviaria nese punto do accidente incluían a curva da Grandeira, e que ningunha institución presentou alegacións neste tema. Tamén apuntou a que a vía onde circulaba o Alvia sinistrado foi revisada o 20 de abril.
Mais Gonzalo Ferre tamén recoñeceu que nun primeiro momento estaba previsto que o sistema ERTMS (que tería evitado o accidente, segundo sinalaron maquinistas e o propio Ferre após o accidente) chegarse até a estación de Compostela, e non ata 4 quilómetros antes.
De feito, esa vía, afirmou Ferre, estaba prevista que esa liña fose de alta velocidade até que en 2010 se decidiu que fose convencional.
Protexer o AVE
Pola súa parte, Gómez-Pomar quixo que ficase claro para entender o sinistro que a liña de Ourense a Compostela non é Alta Velocidade. Algo que contradí ao que Fomento e apropia Renfe mantiñan en decembro de 2011, na inauguración do tramo.
BNG e Esquerda Plural solicitan a creación dunha comisión de investigación para esclarecer o sucedido en Angrois o 24 de xullo.
"Non dicir nada novo"
Na súa quenda de intervención, a deputada nacionalista Rosana Pérez denunciou "a présa en sinalar unha causa única e un único culpábel". Preguntou por que que no tramo Ourense- Santiago o sistema ERTMS funciona nos trens Avant, mais non está homologado nos Alvia e considera que fica claro que "houbo moitas présas para inaugurar ese tramo".
A parlamentar do BNG tamén preguntou aos presidentes de Renfe e Adif se consideran que os recortes presupuestarios, os EREs e as penalizacións salariais no caso de retrasos influen nos accidentes.
Responsabilidades políticas
Pola súa banda, Izquierda Unida e Esquerda Plural incidiron no engano de que se vendese como Alta Velocidade o que non etra tal, e inciden en que hai responsabildiades políticas.