BREOGáN RIOBóO

“Preséntome a estas primarias como unha cuestión de confianza”

Encabeza a lista 'Decide Galicia'. “Houbo unha manobra calculada para disolver o Consello cidadán de Galiza”, insiste.

Breogán Riobóo
photo_camera Breogán Riobóo

- Non lexitimou o proceso de primerias para elexir secretario xeral mais acabou presentándose, por que?

- Unha das características de 'Decide Galicia' é que non lexitimamos a elección dunha nova secretaría xeral, pois entendemos, e así o din os estatutos, que este cargo é por tres anos. Agora ben, dúas compañeiras non tiveron problemas éticos en se presentar, polo que nós, entón, decidimos facelo tamén, mais como unha cuestión de confianza. Que a xente decida.

- Todo o acontecido puido desanimar as bases? Considera que de aquí vai saír un Podemos Galiza máis unido ou o contrario?

- Houbo unha manobra calculada para disolver o Consello cidadán de Galiza, e 9 das 12 persoas que entraron nesa manobra concorren agora na mesma candidatura. Dito isto, eu penso que de todo este proceso debe servir para saír reforzados, vai ser a xente quen decida.

- Que achega 'Decide Galicia' diferente a outras candidaturas?

- Máis capacidade política e organizativa para os círculos, esa é a vía que Podemos puxo sobre a mesa para empoderar a xente. Ademais, somos os únicos que apostamos claramente en que unha persoa, un cargo, sexa este cargo político ou orgánico. Non pode ser que haxa xente nas instituciónsn que sexa ao mesmo tempo a que fiscaliza o seu propio traballo. Non estamos a falar de nada imposíbel, mesmo partidos tradicionais como o PNV teñen un modelo similar e non semella que lles fose moi mal. Temos propostas para democratizar cada vez máis a organización, procurar cada vez máis democracia interna. E, para procesos futuros, apostamos en que no futuro non poderán presentarse listas completas.

- Listas completas?

- Se, por exemplo, o Consello cidadán ten 34 integrantes, o máximo que pode ter a lista que concorre é 23 postos, 24 sumando o do secretario xeral. E, ademais, o máximo que se poderá escoller deses 24 é 14. Así garantimos a pluralidade dos órganos de dirección. A situación que nos trouxo até aquí orixinouse na demisión de persoas, e esas vacantes non se podían cubrir. Queremos que iso acabe e que, a partir de agora, corra a lista. Así evítanse colapsos na organización.

- Mantén a súa posición sobre a fórmula de concorrer ás galegas?

- Como non temos complexos nin medos facemos un exercicio de transparencia total. Por iso, se gañamos, plantexamos á Asemblea un proceso en dous pasos. O primeiro, preguntar á xente se debemos analizar alianzas estratéxicas para eses comicios, si ou non. Aos que respondan si: como queren que analicemos esas alianzas? Con organización políticas pre-existentes a Podemos, con candidaturas de Unidade Popular estean ou non en camiño de ser partidos; ou ben con candidaturas de UP, movementos sociais e a sociedade civil. A partir de aí, analizar o que dixo a xente e actuar.

- Que status debe ter Podemos Galiza na organización estatal?

- Somos parte dunha organización con implantación estatal, a primeira que recoñece a plurinacionalidade. Ese discurso que defendemos cara a fóra da organización temos tamén que practicalo dentro, isto é, avanzar na descentralización. Somos os galegos e galegas que militamos en Podemos Galiza os que debemos decidir sobre aquí.

Comentarios