Preguntan ao Concello de Santiago se continuará coas 120 vivendas de luxo no Espiño

O BNG quere saber ''a decisión política'' que tomou o rexedor Ángel Currás. No caso de seguir adiante co convenio asinado coa inmobiliaria, o PP estaría a saltar por riba dunha sentenza do TSXG que recoñece a titularidade pública da finca
photo_camera Conde Roa co reprensentante de Layetana, Santiago Mercadé (Concello de Santiago)

Co obxectivo de evitar a construción de 120 vivendas de luxo na Finca do Espiño, un terreo de uso público en Compostela, o BNG solicitará a comparecencia da concelleira de Urbanismo no vindeiro Pleno para dar explicacións ao redor da "decisión política" que tomou o alcalde da cidade, Ángel Currás, despois de que unha sentenza xudicial ditaminase a propiedade pública das terras. Por conseguinte, @s nacionalist@s exixen a apertura da finca.

"No seu día as áreas de Medio Ambiente e de Casco Histórico realizaron unha actuación no palacete modernista para afianzar os muros coa vocación de poder abrir este espazo ao público", lembrou esta terza en rolda de prensa o voceiro do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, quen fixo tamén un percorrido polas datas chave da pelotada urbanística asinada polo goberno do PP coa inmobiliaria Layetana.

Así as cousas, o 29 de decembro de 2011 procedeuse á sinatura do convenio entre o Concello de Santiago e a empresa para a execución das obras previstas para a Finca do Espiño. En aplicación do procedemento, someteuse o convenio ao trámite de información pública no mes de febreiro de 2012, cando colectivos e persoas interesadas formularon alegacións das que aínda non obtiveron resposta. 

Para o BNG, no caso de seguir adiante co convenio asinado coa inmobiliaria Layetana, Currás terá que dar explicacións porque "non hai un interese público" que xustifique esta operación, que contradí a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. “Se a Xustiza dá a razón ao Concello, agora o PP quere quitar a razón á Xustiza e darlla a unha promotora privada”, indicou Cela, alertando de que "estamos diante da tentativa de cometer unha fraude urbanística de grande magnitude".

Comentarios