ENTREVISTA A TERESA TáBOAS

“Precísase unha forza galega propia en Madrid e cando digo propia é propia”

A ex conselleira de Vivenda e ex deputada do BNG reaparece na escena mediática e faino falando das eleccións xerais. Considera que se precisa “unha forza galega propia” e un grupo parlamentar propio no Congreso “polo que se vai debater” e salienta que o BNG é a única forza nacionalista galega.

[Imaxe: BNG] Teresa Táboas, nun Pleno, cando era conselleira de Vivenda
photo_camera [Imaxe: BNG] Teresa Táboas, nun Pleno, cando era conselleira de Vivenda

Teresa Táboas, ex conselleira de Vivenda e ex parlamentar do BNG, avoga nunha candidatura galega, “imos ter unha forza propia e cando digo propia é propia, non apropiada, no Parlamento español?”, apunta nunha entrevista concedida a La Región, “precísase unha forza galega propia polos tempos e polo que se vai debater. E cando digo propia é propia”, insiste.

Así, Táboas advirte da importancia da forza galega propia nun “novo momento histórico que se abrirá a partir das xerais ante este pulso do pobo catalán”. Neste sentido, afirma que “é o momento despois da ditadura onde nos xogamos máis en Madrid, sen lugar a dúbidas”. “Que imos facer os galegos? Onde imos estar?”, pregúntase a arquitecta, que confesa que a súa “gran preocupación” é Galiza.  Tamén alerta da perda da “estrutura”, dos “alicerces do que é un país”, e pon como exemplo as caixas, “xa non temos instrumentos financeiros propios”, ao contrario que vascos e cataláns.

Teresa Táboas: "O BNG é a forza nacionalista galega que existe"

A ex conselleira de Vivenda salienta na entrevista que o BNG “é a forza nacionalista galega que existe”. “Dicir que o BNG está en risco de desaparición é como dicir que o está o nacionalismo galego e iso sería perigoso e preocupante. Non creo que iso sexa así, en absoluto”, respóndelle ao xornalista, que tamén lle pregunta se debe ser Beiras quen “tire do carro”. “O que ten que tirar do carro é o país e a sociedade galega para ter un grupo propio cando se debatan os temas complexos e profundos do modelo territorial”, salienta.

A ex deputada do Bloque considera que “temos que posicionarnos, como fixo Castelao no seu momento, para defender o noso”. “E non o digo desde un nacionalismo etnocentrista, senón estando na escala planetaria pero partindo da nosa realidade. Ninguén vai defender as cuestións nosas en Madrid se non estamos alí”, conclúe.

Comentarios