MUNICIPAIS2015

A precampaña ao vivo: máis de 2.000 persoas enchen o acto do BNG en Pontevedra

[ACTUALIZACIÓN 17:15H] Recollemos os actos das diferentes forzas políticas que concorren aos comicios do 24 de maio.

Acto de presentación do BNG en Pontevedra (Foto: PontevedraViva)
photo_camera Acto do BNG (Foto: PontevedraViva)


BNG-Asambleas Abertas: mitin multitudinario en Pontevedra

O BNG presentou nun acto multitudinario esta sexta feira a súa candidatura en Pontevedra. Máis de 2.000 persoas, unha cifra histórica segundo a formación nacionalista, encheron o Recinto Ferial para asistir á cena-mitin coa que Miguel Anxo Fernández Lores e o seu equipo abriron a precampaña electoral.

O acto foi unha mostra do que reflicten as sondaxes, que sitúan o BNG como favorito para ser a forza máis votada, após 16 anos gobernando na cidade. Lores recordou que a xestión dos nacionalistas fixo do modelo urbano de Pontevedra “un referente mundial”, segundo recolle ‘PontevedraViva’. O alcalde sinalou que Pontevedra é hoxe a capital da cultura e o patrimonio da Galiza, un referente no tratamento do rural, un dos concellos coas contas máis saneadas e un municipio destacado na loita contra a corrupción. 

Tamén presentou este sábado a candidatura en Vigo co obxectivo de
"facer da cidade un territorio libre de recortes e rematar co colapso dos servizos sociais", dixo o candidato Serafín Otero. O ex secretario comarcal da CIG dixo que o "reto é mudar Vigo para transformar Galiza". O portavoz nacional, Xavier Vence, presente no acto, afirmou que a aposta do BNG na cidade pasa por reforzar o seu papel como "motor da Galiza e da súa economía produtiva". 

Pola súa banda, o candidato nacionalista á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, advertiu de que o proxecto do actual alcalde, o socialista José López Orozco, está “esgotado”. O candidato do BNG-Asambleas Abertas en Lugo adiantou que a imputación de Orozco na ‘Operación Pokémon’ é un “liña vermella” para repetir a coalición de goberno cos socialistas. “A nosa postura ficou clara cando decidimos abandonar o goberno de coalición”, manifestou nunha entrevista con Europa Press.

PSdeG: Besteiro evita o debate sobre o alcalde de Caldas

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, deu por rematada a polémica candidatura do alcalde de Caldas de Reis, o imputado Juan Manuel Rey. O líder dos socialistas galegos dixo que non compromete o código ético da formación e remitiu ao comunicado emitido pola súa formación. Posto que Rey presentou un recurso de nulidade contra a imputación, por un suposto delito de malversación polo pago dunha multa con fondos públicos, o PSdeG confirmou que o alcalde de Caldas será de novo o candidato no municipio. 

O candidato do PSOE en Lugo, José López Orozco, evitou referirse a posíbeis pactos electorais e dixo que sente o respaldo da veciñanza malia estar salpicado pola ‘Operación Pokémon’. O actual alcalde de Lugo sinalou que a imputación provocoulle un “dano irreparable”, pero que afronta sen medo unha nova reelección, após 16 anos gobernando a cidade.

Nunha entrevista para Europa Press, Orozco dixo que non se arrepinte de ningunha das súas decisións, agás o feito de ter confiado no antigo concelleiro Francisco Fernández Liñares, do que reivindicou porén a súa "presunción de inocencia”.

Mareas: unha "irresponsabilidade" que non participen dos debates

O candidato da Marea de Vigo, Rubén Pérez, sinalou que sería unha “irresponsabilidade” deixar a súa formación fóra dos debates electorais. Pérez, voceiro local de Esquerda Unida, pediulle maior concreción ao PP, que lanzou esta semana a proposta.

Pola súa parte, a Marea Atlántica vén de presentar o seu programa electoral. O candidato da lista cidadá, Xulio Ferreiro, anunciou que unha das propostas será a apertura do parque do Observatorio, situado no Agra do Orzán. Destacou que o barrio, o de maior densidade de poboación da cidade, carece de espazos de ocio ao aire libre.

PP: renovación nas listas por casos de corrupción

Hernández deixou fóra da candidatura aos sete edís que foron imputados, e logo absoltos, por presunta prevaricación. 

O PP de Santiago de Compostela presentou este sábado a súa lista cara as municipais. O candidato popular e rexedor da cidade, Agustín Hernández, deixou fóra da candidatura aos sete concelleiros e concelleiras que resultaron absoltos dunha imputación por presunta prevaricación. 

Porén, Hernández mantén aos edís que se incorporaron ao grupo municipal durante a inhabilitación dos cargos. A número dous dos populares será Pepa Castro, actual secretario xeral do Valedor do Pobo e que acumula numerosos cargos na Administración Pública. O actual alcalde de Compostela insistiu en que a lista foi confeccionada por el con xente da súa confianza. 

O PP tamén apurou a presentación da lista electoral en A Coruña. Os primeiros postos da candidatura estarán ocupados por caras novas, logo da saída do tenente de alcalde, Julio Flores, imputado na ‘Operación Pokémon’. O rexedor popular Carlos Negreira presentou o novo equipo no Parrote e fixo alusión aos últimos catro anos de goberno como aval para a reelección.

Renovación igual na candidatura popular en Ferrol. O alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, presentou unha lista electoral da que destacou “a unión de experiencia e xuventude”, sinalou nun acto celebrado no Parador de Turismo. Catro edís non repetirán na lista do PP de Ferrol.

Ciudadanos: abandonos por "caciquismo"

A afiliación de Ciudadanos en Ourense que elaborara unha lista alternativa á alcaldía, e que foi desautorizada pola dirección do partido, decidiu abandonar a formación “por caciquismo, falta de transparencia e fraude”, segundo a axencia Europa Press.

Cren que a dirección do partido en Barcelona preparará outra lista antes da segunda feira, data na que pecha o prazo para inscribir as candidaturas. Aseguran que a intención da formación liderada por Albert Rivera é a de colocar a Laureano Bermejo, un antigo afiliado de UPyD en Ourense, e por iso “cortaron a cabeza” da lista que din foi “elixida democraticamente”.

Comentarios