O prazo para solicitar o voto por correo finaliza hoxe

Vehículos de Correos diante da sede da empresa pública no centro da Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vehículos de Correos diante da sede da empresa pública no centro da Coruña (Foto: Nós Diario).

Esta quinta feria, 2 de xuño, finaliza o prazo para poder solicitar o voto por correo para as eleccións galegas.

Segundo informou Correos, aqueles e aquelas que queiran votar por correo "aínda dispoñen de prazo para poder realizar os trámites necesarios". "Os electores e electoras poden solicitar en calquera oficina de Correos do Estado, o Certificado da súa inscrición no Censo Electoral do País Vasco ou de Galiza", engadiu.

Esta solicitude, lembra, "debe ser realizada persoalmente por cada elector ou electora, agás en caso de enfermidade ou discapacidade acreditadas mediante certificación médica oficial que impida a formulación persoal da devandita petición", en que poderá "ser presentada en nome do elector por outra persoa autorizada notarialmente ou consularmente".

No momento de formular a solicitude, as e os interesados deben acreditar a súa identidade presentando ante o empregado da oficina postal o DNI, pasaporte ou carné de conducir orixinais.

A solicitude de certificado de inscrición no censo tamén se pode solicitar de maneira telemática a través da páxina web www.correos.es. Esta opción púxose en marcha por primeira vez este ano como consecuencia da situación sanitaria.

Para solicitalo é necesario dispor de DNI electrónico ou dun certificado dixital válido para asinar electrónicamente a solicitude e ter instalado no computador AutoFirma, a aplicación de firma electrónica do Ministerio de Facenda. O prazo de presentación de solicitude telemática finaliza ás 23,59 horas desta quinta feira-

As Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral, tras comprobar a inscrición dos solicitantes no censo, preparan os envíos coa documentación electoral á dirección indicada polo elector na súa solicitude, indicou Correos.

"Correos distribúe esta documentación e responsabilízase de realizar polo menos dous intentos de entrega en man ao propio destinatario", subliña.

No momento da entrega, sinalou a entidade, "o elector, se así o desexa, pode entregar ao carteiro ou carteira o sobre co voto cumprimentado a cambio dun xustificante acreditativo do depósito do seu voto". Se o elector decide non entregar o seu sufraxio nese momento, pode despositalo en calquera oficina de Correos até o próximo 10 de xullo ás 14,00 horas.

Comentarios