O Senado dá tres meses de prazo ao Goberno español para lexislar contra a exclusión financeira a persoas maiores

Todos os grupos do Senado excepto Ciudadanos e Vox acordaron esta emenda.
O Senado, onte, na primeira sesión de control ao Goberno (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O Senado, onte, na primeira sesión de control ao Goberno (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)

As formacións políticas que integran o Senado alcanzaron un acordo para dar un prazo de tres meses ao Goberno español para que lexisle contra a exclusión financeira que afecta ás persoas maiores, o sector máis vulnerábel á dixitalización das entidades bancarias.

Trátase dunha emenda transaccionada por todos os grupos excepto Ciudadanos (C's) e Vox, que modifica o proxecto de lei de protección dos consumidores e usuarios fronte a situacións de vulnerabilidade social e económica.

O texto, ao que tivo acceso Europa Press, estabelece que "o Goberno promoverá, no prazo de tres meses seguintes á aprobación desde a entrada en vigor da lei, as modificacións lexislativas necesarias para garantir a atención personalizada nos servizos de pagos a consumidores e usuarios en situación de vulnerabilidade que o demanden, sen discriminación motivada pola brecha dixital".

 A senadora do PSOE María Esther Carmona sinalou que o Senado tivo en conta as denuncias de Carlos San Juan, o xubilado que iniciou unha campaña de recollida de sinaturas por todo o Estado español para presionar as grandes entidades bancarias.

Emendas de PP e Compromís

Os senadores de Partido Popular (PP) e Compromís presentaron diferentes emendas ao proxecto de lei. Os populares propoñían paliar a brecha dixital obrigando ás entidades bancarias a garantir a atención presencial.

O PP tamén mantivo unha emenda na que pide que a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos e as entidades financeiras bancarias, mediante convenios entre ambas, faciliten que os bancos presten os seus servizos a través das oficinas de correos ou Unidades Móviles Financeiras no medio rural onde non existen sucursais bancarias nin rede de caixeiros automáticos.

Por outra parte, Compromís pretendía que a idade fose considerada un factor de vulnerabilidade. O senador Carles Mullet sinalou a necesidade desta medida porque hai "persoas maiores que se sinten maltratadas ante algunhas empresas como as entidades financeiras"

Comentarios