A Praza do Obradoiro secuestrada pola Troika

Cargas policiais contra unha manifestación democrática. Esa é a resposta do Ministerio de Interior español a un protesto cívico, convocado polo nacionalismo galego, contra a presenza de Merkel en Galiza.

MERKEL4

Rúas cortadas por anti-disturbios, identificacións, prohibición de acceder a determinados espazos públicos de Galiza e mesmo unha carga policial foron a resposta que acharon os centos de persoas que pacificamente quixeron esta segunda feira, de mañá, testemuñar a súa oposición ás políticas europeas en curso, simbolizadas por Angela Merkel. Malia que Merkel e Rajoy variaron a axenda para visitar a Catedral a unha hora na que non coincidise coa convocatoria e malia que ducias de policías 'blindaron' a zona vella compostelá, a mobilización realizouse.

Entre @s golpead@s pola policía na carga estaba o portavoz do BNG en Compostela, Rubén Cela

Dúas persoas caraterizadas como Merkel e Rajoy facían rexouba sobre o 'amor austero' dos dous mandatarios nunha Praza da Quintana onde os accesos estaban controlados por policías que decidían quen pasaba e quen non. Mesmo chegaron a impedir a entrada de emigrantes retornados, que querían se sumar á mobilización.

"É a nosa praza"

As persoas concentradas na Quintana respondendo á convocatoria de CIG e BNG decidiron partir en manifestación cara o Obradoiro, rebasando o 'cerco policial' da Quintana para se unir aos emigrantes retornados que non deixaban entrar na Praza. A policía foi fixando sucesivos cordóns policiais (Praterías, Obradoiro) para impedir o paso. Os berros de 'liberdade de expresión', 'Merkel e Rajoy fóra da GZ' ou ' Queremos pasar á nosa praza' foron algúns dos que se sentiron na zona vella compostelá.

"Galiza soberana, non á Troika" foi unha das palabras de orde máis coreadas, como a de "liberdade de expresión"

A policía tentou evitar o protesto mesmo cunha carga policial en Praterías, após a cal reforzou a presenza de axentes para evitar o paso ao Obradoiro. Os manifestantes, entón, decidiron ir até a Praza de Fonseca, onde lles agardaba outra 'blindaxe policial'.

"Fart@s das súas políticas"

Volveron ruxir con forza as consignas nesa Praza ("Troika fóra da Galiza" foi unha das máis coreadas). Realizouse unha aemblea na que tomaron a palabra diferentes persoas para denunciar as políticas e recortes impostos pola UE. "Estamos fartos das políticas de Rajoy e Merkel", sinalaron. 

Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, megáfono en man, denunciou a represión policial. Como no comezo dos anos 80 do pasado século, outra volta forzas policiais do Estado vetaron o acceso dunha marcha nacionalista a zonas emblemáticas do casco vello de Compostela. "Queremos denunciar tamén a sumisión do goberno de Rajoy a Merkel e as súas políticas", denunciou, ademáis de lembrar que o candidato español Arias Cañete "sempre estivo contra os intereses dos sectores produtivos de Galiza".

"A que vén?"

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, xustificou a mobilización pola necesidade de dar resposta a un modelo e unhas políticas "que sofremos todos os días e que supoñen concentrar poder e riqueza en poucas mans e institucións, que non son democráticas" e incidiu en que Rajoy quer presentar a Merkel como "promotora dunha UE que beneficia a Galiza" o que é "mentira".

Yolanda Díaz, de AGE, declarou a Merkel como 'persoa non grata' en Galiza por impulsar políticas de recortes e austeridade a costa das maiorías sociais.

Comentarios