Prado pide ‘unidade' ao PP de Viveiro para que o concello ‘volva a ser azul’

A campaña electoral dos populares de cara as eleccións locais chegou a Viveiro. Nesta vila da Mariña, onde o PP leva fóra do Goberno desde 2003, desembarcou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, quen defendeu que ‘que Viveiro volva a ser azul’.

AppleMark
photo_camera Paula Prado, José Manuel Balseiro e Oscar Rodríguez canda outros militantes do PP na Mariña. (Foto:Nós Diario)

O Partido Popular leva en crise en Viveiro desde hai 20 anos. Á perda da Alcaldía en 2003, seguíronlle innumerábeis conflitos internos que chegan até hoxe. Precisamente, a necesidade de recuperar a unidade dentro da partido centrou a totalidade dos discursos no tradicional xantar de outono dos populares do occidente da Mariña.

O xantar, que reuniu arredor de 100 persoas dos concellos de Viveiro, Xove, Cervo e Burela, contou coa presenza da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, que trasladou aos presentes a importancia de ter “un partido forte e unido como o que hoxe vexo aquí”, porque “iso é o que demanda a xente do noso partido e o motivo polo que depositan en nós a súa confianza nas eleccións”.

Prado defendeu a candidatura do actual voceiro local da formación, Óscar Rodríguez, de quen significou” a combinación de xuventude e experiencia”. Precisamente, o liderado de Rodríguez é cuestionado por amplos sectores da formación, botándose en falla a presenza no acto de diversas referencias sociais da formación.

A secretaria xeral dos populares galegos apostou porque “o próximo 28 de maio nos ides dar unha alegría enorme facendo que Viveiro volva a ser azul” porque “o PP é a única alternativa seria ao desgoberno socialista”

A dirixente popular asegurou que “mentres a esquerda pretende monopolizar determinados sectores, nós somos un partido que representa a todo o mundo e por iso somos o partido que máis se parece a Galiza”.

'Estar máis unidos que nunca para facer posíbel un gran cambio'

O actual líder do PP na localidade, Oscar Rodríguez, reclamou ao seus  “estar máis unidos que nunca para facer posíbel un gran cambio” e animou a afiliación a “traballar intensamente durante os próximos meses centrándonos única e exclusivamente en recuperar Viveiro”.

Rodríguez sinalou que “temos que frear a perda de servizos que está sufrindo Viveiro desde hai 20 anos” e reivindicou que “practicamente todo o que se fixo en Viveiro é resultado da herdanza recibida das dúas décadas de goberno do Partido Popular”.

O coordinador xeral dos populares lugueses e deputado no Parlamento da Galiza, José Manuel Balseiro defendeu a importancia de “ter un partido ben engraxado” porque “as eleccións só se gañan cando detrás do candidato hai un partido forte e unido”.

Comentarios