Prado considera “apegado á realidade” a Alfonso Rueda

A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, saíu en defensa da mensaxe de Fin de Ano de Alfonso Rueda. A dirixente do PP cualifícao de “apegado á realidade e aos problemas da Galiza”.

Paula Prado comparecendo como secretaria xeral do PP. (Foto: Europa Press)
photo_camera Paula Prado comparecendo como secretaria xeral do PP. (Foto: Europa Press)

Paula Prado amosouse satisfeita co intervención do mandatario galego. A dirixente popular entendeu que "exemplifica á perfección” a sintonía coa sociedade galega de Rueda e do seu Goberno.

A secretaria dos populares sinalou que “o noso presidente iniciou o seu propio camiño á fronte da Xunta este ano e, desde entón, a súa ruta non cesou en buscar solucións”. Nesta dirección, significou o esforzo de Rueda en “propor e en impulsar proxectos. E todo iso en medio dun complicado contexto económico”.

A dirixente popular subliñou que Rueda e o Goberno galego "ofrecen estabilidade fronte ás liortas internas doutros partidos, solvencia fronte a aqueles que nin sequera son capaces de fechar uns orzamentos e seriedade e futuro á nosa terra, fronte a aqueles que só pensan en convertela nunha república".

A deputada do PP non dubidou a cargar contra as forzas da oposición. Neste sentido, criticou o “catastrofismo que só sabe ver a oposición” e defendeu o “traballo deste Goberno na Galiza”.

Prado apuntouse á demanda de Rueda en relación cos fondos europeos procedentes do programa Next Generation. Nesta liña, insistiu que “non poden retelos máis, o noso tecido económico non pode agardar máis".

A secretaria dos populares quixo ter unhas palabras para a mocidade, un colectivo onde os nacionalistas son con claridade a forza máis votada, asegurando que “estamos moi orgullosos do talento da nosa xente nova, á que seguiremos axudando".

A dirixente do PP quixo trasladar os parabéns á "multitude de sectores" que participaron deste histórico Xacobeo”, pois "o éxito do Camiño de Santiago é un traballo de todos". Nesta dirección, cargou contra “algúns querían derrubalo".

Paula Prado considerou que “a mensaxe do presidente Rueda referenda que cumpre e seguirá cumprindo cos galegos e galegas".

Comentarios