O PPdeG sinala como prioridades en Europa o sector primario, a conexión con Portugal e os fondos Next Generation

Millán Mon e Adrián Vázquez asisten en Cascais a unhas xornadas da PPE e alí coinciden con Feixoo.

Os eurodiputados galegos Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, co líder estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo.
photo_camera Os eurodiputados galegos Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, co líder estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo.

Agricultura, pesca, infraestruturas de conexión con Portugal e fondos europeos Next Generation. Estas son "tres das prioridades" que sinalan os eurodeputados galegos do PPdeG, Millán Mon e Adrián Vázquez, para a nova lexislatura comunitaria. Así o sinalaron após participar nunhas xornadas do Partido Popular Europeo (PPE) celebradas esta semana en Cascais (Portugal), ás que acudiron o líder do partido no Estado, Alberto Núñez Feixoo, e os 189 eurodeputados alcanzados nas eleccións de xuño.

Ao concluír este conclave, Millán Mon insistiu na necesidade de achegar as institucións á xente e que as reformas e cambios impulsados desde Bruxelas "sexan graduais e teñan en conta as preocupacións e intereses dos cidadáns e dos sectores afectados".

Neste sentido, Adrián Vázquez pon o foco no sector primario e cre que a Unión Europea "ten que rectificar erros" da pasada lexislatura "e defender aos gandeiros, agricultores e pescadores". "A Galiza non pode permitirse deixar de ser unha potencia mundial no sector primario", engade. 

Tal e como manifestaron durante a campaña e prometeu propia presidenta da Comisión e candidata á reelección, Ursula von der Leyen, os populares propoñen que o próximo comisario de Pesca se separe do departamento de Medio Ambiente.

Industria, fondos e conexión con Portugal

Así mesmo, Millán Mon subliñou a importancia de fomentar a industria en todo o continente para crear emprego estábel e de calidade, porque "corre o risco de quedar atrasada ante o crecemento" do sector en Estados Unidos e China.

De tal forma, Adrián Vázquez reclamou que os fondos europeos deben ir "alí onde se executan mellor" e reivindicou os niveis de execución do Goberno autonómico naquelas partidas que dependen del, "a pesar do bloqueo constante" do Executivo estatal,

"Pedro Sánchez bloquea uns fondos importantes e necesarios para a Galiza por mero interese político", denuncia Vázquez, quen asegura que ofrece "financiamentos particulares a comunidades como Catalunya, que non cumpre e que está en bancarrota"; no canto da Galiza, "que non só cumpre, senón que emprega os fondos para mellorar a vida dos galegos e non para organizar referendos ilegais".

Ademais, no tocante ás conexións con Portugal, o eurodeputado do PPdeG destacou o labor da Xunta de Alfonso Rueda, que "fixo máis pola unión" que Sánchez "no últimos seis anos", por exemplo a través do manifesto asinado esta semana conxuntamente co Goberno luso. 

Comentarios