mércores 05/05/21

O PPdeG pide o cesamento do presidente da Deputación de Lugo por comentar a vestimenta da popular Elena Candia

José Tomé referiuse esta sexta feira "á vestimenta e aspecto de leopardo" de Elena Candia no transcurso dunha rolda de prensa. Este sábado, denunciou a utilización "perversa" das súas palabras e pediu desculpas. "En ningún momento foi a miña intención ofender á señora Candia".
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, en declarcións aos medios nunha imaxe de arquivo.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, en declarcións aos medios nunha imaxe de arquivo.

O PP da Galiza esixe o cesamento do presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, tras as súas polémicas declaracións, esta sexta feira, nas que comenta a vestimenta e o "aspecto de leopardo" da líder dos populares na provincia, Elena Candia.

A través da súa conta de Twitter, o PPdeG tacha de "misóxinas e inaceptábeis" as palabras de Tome, que son "unha mostra de machismo intolerábel nun representante público". "Non pode seguir un minuto máis no cargo", escribe o partido nun chío, que conclúe co cancelo '#StopMachismoPSOE'.

As declaracións da polémica

As declaracións do presidente da Deputación de Lugo sobre a líder popular nunha rolda de prensa foron as seguintes: "Con respecto a Candia, coa súa vestimenta e o seu aspecto de leopardo que tiña onte, sinceramente, daba a imaxe do vaqueiro americano que entrou no Capitolio nos Estados Unidos", comparándoa cos ' trumpistas' durante unha protesta ás portas do Pazo Provincial a quinta feira.

Tes dereito a vestir como consideres oportuno

Sobre esta polémica pronunciouse este mesmo sábado o presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, durante a súa intervención na Xunta Directiva do partido celebrada en Oleiros), á que precisamente asistiu a líder da formación en Lugo.

"Elena, estamos contigo absolutamente, incondicionalmente. Estamos contigo porque, polo feito de ser muller, tes dereito a vestir como consideres oportuno", díxolle a Candia, entre os aplausos dos asistentes.

Rectificación

Neste contexto, Feixoo pediu aos socialistas, despois de dicir "que defenden moito ás mulleres", que "polo menos reprendan" a José Tome para que "rectifique e pida desculpas" á presidenta popular polo seu ataque "machista" e de "mal gusto".

Tamén abordou este asunto no mesmo acto o presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, quen expresou o seu "recoñecemento especial" á súa compañeira como "traballadora incansábel" desde o Parlamento da Galiza.

"O presidente da Deputación de Lugo, ante a falta de argumentos políticos, utilizou para descualificala a súa vestimenta. Este tipo de comentarios hai que erradicalos da vida, da sociedade e por suposto da política", aseverou Calvo.

"Un comentario pouco afortunado"

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu "a gran xestión" do socialista José Tome á fronte da Deputación de Lugo e máis aló dun "comentario pouco afortunado" sobre a popular Elena Candia, a quen quixo trasladar o seu "respecto".

Caballero trasladou a súa postura a través da súa conta de Twitter. "Os e as socialistas, desde o presidente da Deputación de Lugo a todos os cargos do partido pasando polo meu mesmo, non valoramos ás mulleres nin a ninguén pola súa roupa ou o seu aspecto", sinalou.

As desculpas de Tomé

Tras a petición do PPdeG e o uso das súas declaracións en redes sociais, José Tomé denunciou a utilización "perversa" das súas palabras sobre a dirixente popular Elena Candia e aclarou o seu "respecto" pola presidenta provincial do PP, con quen mantén "contactos con frecuencia" desde que está á fronte da Deputación e a quen pide "desculpas" polas súas palabras.

"En ningún momento foi a miña intención ofender á señora Candia", afirmou. Lonxe da súa "intención de querer valorar a vestimenta" de Candia "nin de ningunha muller", e "respectando a liberdade de imaxe de cada quen", Tomé lembrou que a propia dirixente popular referiuse a el dicindo que viste "de pin e gravata". "E nunca me queixei nin fixen queixa da súa opinión", engadiu.

O PPdeG pide o cesamento do presidente da Deputación de Lugo por comentar a vestimenta...
comentarios