O PPdeG monta unha festa pola marcha de Iglesias, o BNG lamenta a vitoria da “dereita trumpista” e silencio do PSdeG

O resultado das eleccións madrileñas tamén foi valorado na mesma noite electoral desde Galiza

chio pp
photo_camera Captura do chío do PPdeG.

Cada quen fala da feira segundo lle foi nela, dí o coñecido refrán galego. Mais a algúns foille tan mal que optaron por non dicir nin “mu” e preferiron gardar silencio. Nin Gonzalo Caballero nin PSdeG recorreron a redes sociais como twitter (a ferramenta que xa é o escenario habitual para anuncios e priemiras valoracións políticas) para dicir algo dos comicios que viñan de decorrer en Madrid e que deixaron o seu peor resultado histórico para o socialismo.

Si que o fixo Pilar Cancela, deputada do PSdeG en Madrid, que expresou o seu recoñecemento a Ángel Gabilondo e asumiu que “a cidadanía madrileña falou maioritariamente”.

Para Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, o resultado dos comicios é “preocupante”. “Preocupantes resultados: gaña a dereita trumpista e máis ultra. O centralismo madrileño, que tanto dano lle fai a Galiza, robustécese. Cada día máis evidente que Madrid non é a solución, é parte do problema”, escribiu na súa conta de twitter, nun chío partillado polo Bloque.

Quen non cabían en si de alegría era o PPdeG, que sentían a vitoria de Díaz Ayuso como se fose propia. O propio presidente da Xunta, Núñez Feixoo, apresourouse a parabenizar á madrileña: “Os madrileños votaron en masa pola liberdade e, sobre todo, pola estabilidade do seu Goberno, esa que só pode ofrecer o PP”.

Máis alá foi o propio PPdeG, que entrou de cheo coa renuncia de Pablo Iglesias a seguir en política: “Tanta gloria leves como paz deixas”, escribiron nas redes sociais após sinalar o “silencio atronador” dos deputados de Podemos Galiza.

E nesa mesma liña seguiu o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado: “El muerto al hoyo y el vivo al bollo" é o que Yolanda Díaz pensou realmente na despedida de Pablo Iglesias”.

Comentarios