Primeiros ataques directos

O PPdeG exterioriza a súa preocupación polo ascenso de Cs

Se atacas unha forza política é que lle concedes status de rival, é que a ves con opcións de facerte dano. Até agora a táctica do PPdeG con Cs era a do ninguneo. Mais entramos noutra fase, caracterizada polo avanzo demoscópico da escadra de Albert Rivera. Miguel Tellado desenfundou esta sexta feira contra a formación laranxa: "É populismo de direitas".

Miguel Tellado
photo_camera Miguel Tellado

Primeiros ataques directos do PPdeG a Ciudadanos, unha formación sen apenas existencia orgánica na Galiza que vive basicamente do eco estatal. "É un artificio eleitoral", "populismo de direitas", dixo esta sexta feira Miguel Tellado, o chefe do aparato da formación conservadora no país.

O secretario xeral do PPdeG sofisticou tanto o ataque que estabeleceu unha sorte de analoxía entre Cs e Podemos: "Hai populismos de esquerdas e populismo de direitas. Os populismos de esquerda chámanse Podemos e os de direitas, Cs".

O populismo sería "dicer á xente o que quer escoitar", un vieiro demagóxico que se afasta da responsabilidade do PP, un partido que, en troca, "goberna para todos e acha solucións onde outros deixaron problemas".

Mais Tellado tambén bourou en Cs polo seu carácter sucursalista. "Non teñen proxecto para Galiza", dixo, porque, acrecentou, "non coñece nen os seus problemas nen teñen solucións para eles".

Algunhas destas críticas a Cs avanzounas Feijóo na súa entrevista desta semana con Jiménez Losantos. O líder do PPdeG, porén, acompañounas de gabanzas á Inés Arrimada, á que cualifica cada vez que pode de "excelente candidata", se callar para encirrar as hipotéticas diferenzas que a chefa da oposición en Catalunya poda ter co líder da organización, Albert Rivera.

Máis en POLÍTICA
Comentarios