Feixóo inclínase por Cospedal, mais só revelará as súas cartas se houber segunda volta

O PPdeG decidirá o seu voto no Congreso após a militancia votar o 5 de xullo

O Congreso de elección do relevo de Raxoi ten dúas voltas. A primeira, o voto da afiliación, axendado para o 5 de xullo. A segunda, o voto das e dos compromisarios, no propio congreso, días 20 e 21. Será nesa segunda volta, cos dados da primeira na man, cando o PPdeG determine a quen apoia para tomar as rendas do partido. Así o precisou Feixóo esta quinta feira nunha entrevista na SER.

28033417457_22dcc8f974_h
photo_camera Un momento do acto en que Feixóo anunciou que non concorrería ao congreso estatal do PP [Foto: Flickr do PPdeG]

Feixóo non se vai inclinar a priori por ningunha das opcións en xogo e agarda ao primeiro veredito da militancia. Este só sería definitivo se algunha das candidaturas obtén na primeira volta máis do 50 por cento dos votos, supera a segunda máis votada en 15 pontos ou suma a vitoria na metade das circunscricións. Non é probábel que ningún dos tres aspirantes en teoría mellor colocados -Soraya Sáenz de Santamaría, María Dolores de Cospedal e Pablo Casado- alcancen semellantes limiares, polo que a decisión final ficará en mans das 3.000 compromisarias eleitas tamén ese 5 de xullo -nunha urna distinta- pola militancia.

A dúbida de Feixóo en teoría estaría entre Cospedal e Casado, dada a súa coñecida rivalidade con Soraya. Mais esa inimizade política non ten sido feita pública en ningún momento por Feixóo, así que tampouco cabería desbotar unha reviravolta do inquilino de Monte Pío se se der a circustancia de que o voto militante puxese a ex vicepresidenta moi por cima da ex ministra de Defensa. Sería difícil de entender que o PPdeG non apoiase Soraya se esta se impor con clareza na primeira volta.

Cospedal é en realidade a favorita de Feixóo, aínda que este se resiste a facelo público. Deixou, si, unha pista sobre as súas preferencias nunha entrevista en RNE, conversa en que evocou que a ex secretaria xeral do PP -deixou o cargo estes días para, dixo, non se prevaler de ningunha vantaxe no proceso congresual- o chamou no seu momento para testemuñarlle o seu apoio se dese o paso -que non deu- a se postular como líder estatal."Eu iso non o podo esquecer, obviamente mais neste momento as urnas están abertas", dixo.

E Pablo Casado? Dirixente próximo a José María Aznar, é quen apresentou un maior número de avais ao formalizar a súa candidatura, arredor de 5.000 (Cospedal, por volta de 3.200; Sáenz de Santamaría preferiu non precisar cantos). Todo indica que Casado ten menos apoio orgánico do que Cospedal e menos predicamento entre a militancia do que Soraya, mais a súa baza é a de se apresentar como a única terceira vía posíbel. Ten un contra considerábel: a causa instruída contra el por unha maxistrada polas irregularidades do seu máster. Na eventualidade de dar a surpresa e poñerse en cabeza o 5 de xullo, Monte Pío tería que avaliar se dar o seu respaldo a un candidato sobre o que pesan sospeitas xudiciais. Na súa entrevista en RNE, Feixóo restou importancia ao liderado de Casado na recolla de avais: "3.000, 4.000 ou 5.000 avais no conxunto de persoas con dereito a voto [por volta de 800 mil] non é unha percentaxe importante, aínda que sen dúbida significa que hai 5.000 compañeiros que avalaron Pablo".

O resto dos candidatos -José Manuel García-Margallo, José Luis Bayo, José Ramón García-Hernández e Elio Cabanes- non teñen opcións reais.

Comentarios