O PPdeG acusa BNG de ter “unha ideoloxía de segunda man, de Wallapop”

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, cargou hoxe contra o Bloque e contra o Goberno español pola “peor xestión da pandemia de Europa”. Segundo o representante do partido, a UPG “foi radicar a súa nova sede no madrileño barrio de Argüelles” e os principios do nacionalismo atópanse agora "en Mil Anuncios".

O popular Miguel Tellado durante a rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O popular Miguel Tellado durante a rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

Para o PPdeG a súa xestión da pandemia á fronte da Xunta atendeu á “responsabilidade” fronte á “peor xestión de Europa” levada a cabo polo Goberno español de Pedro Sánchez. Pero os populares foron máis aló nesta sexta feira ao asegurar que no país o Executivo de Feixoo traballaba mentres a oposición “pasou a pandemia en pixama vendo Netflix”.

Así, o partido cargou contra o Bloque, que considera “o peor da historia de Galiza” con unha estratexia supostamente “teledirixida desde Madrid” e o centro de decisión “en Ferraz”.

O partido manifestou estas consideracións por boca do seu secretario xeral, Miguel Tellado, que dixo estar convencido de que o BNG está “absolutamente desconectado dos problemas dos galegos”. “Nunca pensamos que a UPG fóra radicar a súa nova sede no madrileño barrio de Argüelles”, espetou nunha rolda de prensa.

Os principios nacionalistas en dúbida

A crítica foi tal que comentou que antes de demandar a independencia da Galiza, o Bloque Nacionalista Galego “debería comezar por independizarse do PSOE”.

Se ben Tellado dirixiu parte do seu discurso ao Estado, incidiu en varias ocasións nos ataques ao principal partido da oposición. Tanto que asegurou que se antes os principios do nacionalismo galego estaban nos libros das bibliotecas, agora eran accesíbeis “en Mil Anuncios”.

Estas duras declaracións seguiron ao opinar que agora o BNG ten unha “ideoloxía de segunda man”. “Estamos ante o BNG de Wallapop”, comentou, nunha mensaxe semellante a unha campaña de marketing para moitas marcar.

O PPdeG considera agora que o partido está nun momento “radical” no que aparece como “socio prioritario dos delincuentes condenados Otegi e Junqueras, cos que comparte mitins e proxecto político en Europa, Madrid e Galicia”.

Mesmo chegou a acusar as e os representantes de hipócritas porque "pola mañá exixen máis restricións sanitarias e pola tarde critícanas, que piden grandes acordos de país, pero bloquean sistematicamente todas as iniciativas e proxectos de lei no Parlamento".

Indefensión e ataques á oposición

Despois de despacharse contra a formación política galega, o número dous dos populares da Galiza acusou ao Executivo estatal de deixar as comunidades nunha mala situación tras decaer o estado de alarma.

"Estamos absolutamente indefensos, sen recursos legais e cunha xestión en mans dos xuíces que ven obrigados a asumir competencias que non lles corresponden e atentan contra a máis básica separación de poderes", lamentou, ao tempo que pedía a “abdicación de Sánchez”.

"Temos un Goberno do Estado que deu as costas a todos os españois. Un Goberno á fuga, que despois de ser responsable da peor xestión da crise de Europa decidiu abandonar o barco e deixar todo en mans, primeiro das autonomías, e agora dos xuíces”, subliñou.

“E temos unha oposición que deu as costas a todos os galegos. Que pasou a pandemia en pixama vendo Netflix e agora só está preocupada dos seus xogos de poder: Ana Pontón de sacarse fotos con Otegi e Junqueras e ser a muleta de Pedro Sánchez en Galicia; e Gonzalo Caballero de sobrevivir politicamente, que xa ten bastante", engadiu, nun discurso polémico e duro.

Comentarios