O PP presentará mocións nos concellos a prol da reforma electoral que ilegaliza os gobernos de coligazón

A idea foi anunciada por Alfonso Rueda e espallarase aos municipios de todo o estado após ser ben acollida pola dirección do partido en Madrid.

A dirección do Partido Popular de Galiza acordou esta segunda feira abrir o debate, din, a respeito da mudanza lexislativa anunciada por Mariano Rajoy e que visa rematar cos gobernos de coligazón. Mais non o fará nas rúas, nen nas prazas, senón através dunha moción tipo que será presentada nos concellos de todo o país. 

A moción defende que a lista máis votada goberno sen posibilidade dunha coligazón após as eleccións

A proposta d@s populares, explican nun comunicado de imprensa, visa preguntar "sobre a proposta de que goberne o candidato á alcaldía máis votado". Neste senso, Alfonso Rueda afirmou que o obxectivo desta iniciativa "é que o voto dos cidadáns se vexa reflectido nos resultados e que non sexan arranxos de despacho entre listas perdedoras que moitas veces, por moi poucos votos, impediron que votara a lista gañadora". 

Así, propoñen que após alcanzar unha determinada porcentaxe de votos favorábeis acceda de maneira directa á alcaldía a forza política que os obteña ilegalizando calquera coligazón postelectoral que, actualmente recolle a lei. 

Desde o PP aseguran que esta iniciativa "xa a levaba o PPdeG no seu programa electoral" polo que se ergueron en defensores da proposta anunciada por Rajoy e tomaron a iniciativa. A idea deseñada pol@s populares galeg@s foi ben acollida desde Madrid que, din, remitirá a todos os concellos do estado a moción. 

Comentarios