O PP vota non a unha proposta do BNG para pedir que Meirás se traspase á Xunta e coa memoria histórica como eixo

Debate no Parlamento galego. 
Pleno da Cámara galega. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Pleno da Cámara galega (Foto: Parlamento da Galiza)

O PP votou non no pleno do Parlamento galego a unha proposta do BNG -o PSdeG abstívose- que instaba a reclamar ao Estado a cesión á Xunta do pazo de Meirás, cunha colaboración de custos compartida, á vez que defendía o uso "central" da memoria histórica como eixo para este espazo.

Antes das votacións e despois de que o Bloque declinase aceptar as emendas de populares e socialistas, o portavoz parlamentar do PPdeG, Pedro Puy, pediu unha votación separada para apoiar diferentes puntos.

A proposta do Bloque tamén pasaba por unha xestión compartida coa Deputación da Coruña e Concello de Sada do BIC, así como para acordar os seus usos.

Igualmente, esta iniciativa demandaba que o primeiro acto en Meirás en xaneiro sexa unha homenaxe ás entidades de memoria histórica que loitaron pola súa recuperación nos últimos 40 anos.

Puy mostrouse "aberto a  transaccionar" esta proposta do Bloque co fin de "manter a unidade" da Cámara na configuración de usos desta propiedade tras a recente sentenza que recupera Meirás para o público.

"Pedimos que sexa transferida á Xunta, aínda que só sexa como xesto de restitución ao pobo que sufriu as confiscacións e o saqueo de forma directa ao comezo do réxime franquista", sostiña Pedro Puy.

O deputado do BNG Luís Bará denunciou que a Xunta e o PP "tentan unha auténtica operación perversa" coa "operación Pardo Bazán" para que sirva de "cortina de fume para unha vez máis branquear ao franquismo".

Tras o "logro histórico" da sentenza que recupera para o público o pazo de Meirás, Bará acusou a Xunta de buscar un plan de usos centrado en Pardo Bazán e non na memoria histórica, nunha "artimaña" que identifica co que sucedeu na illa de San Simón, que "pode ser de todo menos unha illa para a memoria histórica".

O deputado socialista Pablo  Arangüena remarcou que a demanda que propiciou a sentenza "histórica" para a recuperación do pazo de Meirás "impulsouna o goberno progresista de España", pois a Xunta "non tivo nunca vontade política" ata que houbo un executivo socialista en Madrid, di.

Ademais,  Arangüena lembrou que foi o goberno bipartito de Emilio Pérez Touriño o que declarou BIC o pazo, mentres o de Alberto Núñez Feixoo "o único que fixo foi un acordo coa Fundación Franco" para que durante anos "fixésese apoloxía da ditadura" nas visitas guiadas.

Comentarios