O PP viste como "recuperación'' uns orzamentos que para a oposición só perpetuarán a crise

A conselleira de Facenda defendeu os orzamentos 2014 no pleno do Parlamento como a folla de ruta para a fin da recesión e inicio da recuperación económica en 2014. A oposición sinalou co dedo o rei espido que entenden que son estas contas: profundan o derrubamento dos servizos sociais, desbotan combater o desemprego e castigan á cidadanía. 

Elena Muñoz precisou apenas 40 minutos para expoñer no pleno do Parlamento as trabes básicas do que cualificou coma “os orzamentos da recuperación económica”. Unhas contas xerais, asegurou a conselleira de Facenda, que marcarán “un cambio de tendencia” pois “Galiza abandonou a recesión”. O mantra que o goberno español e Partido Popular levan semanas recitando no Estado español, que o peor xa pasou e 2014 vai ser o exercicio da recuperación, chegou esta segunda feira ao parlamento de Galiza por boca da conselleira de Facenda.

O PP rexeitou as enmendas da oposición á totalidade das contas. 

Son, dixo Muñoz, uns orzamentos que responden a que “por primeira vez hai un “cambio de tendencia económica. 2014 será o ano do inicio da recuperación económica”. En base a esta afirmación, Muñoz teceu o discurso argumentativo do PP: mantense, dixo, a aposta polo gasto social (“8 de cada 10 euros van a educación, sanidade e servizos sociais”), os dados de Galiza (desemprego, queda do PIB...) son mellores que a media do Estado e a adopción de medidas de austeridade no seu momento terían evitado que o escenario sexa peor.

Elena Muñoz: “As reformas deron os seus froitos. Galiza abandonou a recesión”

O discurso, ao igual que os orzamentos, non convenceu a oposición, que coincidu en presentar emendas á totalidade e pedir a súa devolución. Para Francisco Jorquera, portavoz do BNG, estas contas fanse á marxe da realidade do país e son "esperanza cero para o noso país". Beiras (AGE) considera que son "un insulto" e Méndez Romeu (PSdeG) convidou a Xunta a traer outras contas "máis decentes".

"Non valen"

“Son uns orzamentos que persisten no dogmatismo, no fanatismo liberal e na submisión cega aos ditados do goberno central negándolle o futuro a este país”, afirmou o portavoz do BNG. As contas para o vindeiro ano, lembrou Jorquera, “non son neutras, van ter un impacto directo na vida da xente”. Afirmación reiterada minutos despois na súa intervención polo voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, que cualificou os orzamentos como “devastadores para a cidadanía”.

O portavoz do BNG lamentou que o proxecto defendido polo PP no Parlamento sexan na realidade “os orzamentos de esperanza cero para as persoas que están no paro, de esperanza cero para as persoas que están na pobreza, da esperanza cero para evitar a ruína económica da nosa nación”.

Francisco Jorquera (BNG): “Estes son os orzamentos da esperanza cero para os parados, para a cidadanía, para o país”.

Crer para 2014 o que non acertaron de 2009 a 2013?

Na súa intervención, Jorquera fixo recordatorio de todas as previsións de emprego, evolución do PIB,... que o Partido Popular fixo ano tras ano desde 2009 a 2013 cando presentaba os respectivos orzamentos anuais. E comparounos cos datos reais deses exercicios. “Como exemplo. Para o 2012 prevían un 16,4% de paro e foi do 21,3%”. Por iso as previsións optimistas da Xunta de medre económico para 2014 non son críbeis para a fronte nacionalista. “Son uns orzamentos inxustos e antisociais. Son a maior evidencia do fracaso para Galiza do goberno Feijóo”, concluíu o voceiro nacionalista

Xosé Manuel Beiras tomou a palabra citando a Cita a Mark Blyth, que de neno pobre escocés pasou ser profesor de universidade nos EUA e autor do libro 'Austeridade, historia dunha idea perigosa'. Para o voceiro de Alternativa, os “orzamentos van ter efectos devastadores sobre a vida da cidadanía galega”, son pouco menos que “un monstruoso produto do soño” neoliberal. Enumerou os “fracasos” do PP en materia laboral e económica e instou o goberno galego a “atender á cidadaníoa do común e non á plutocracia”.

Xosé M. Beiras (AGE): As contas para 2014 “non son para servir á cidadanía senón para servir os mercados financeiros”

Para Beiras existe unha “estratexia planificada para converter os servizos públicos en negocios para os amigos do PP” e criticou que “a débeda nos orzamentos públicos "non son cartos para servir a cidadanía senón para servir os mercados financeiros".

Inxustos no social, ineficaces no económico

O PSdeG non ten dúbida de que estes orzamentos van “producir regresión” e que van supoñer “retroceder moitos anos no benestar das persoas”. Explicouno o seu voceiro parlamentar Méndez Romeu, que os definiu como “inxustos socialmente e ineficaces economicamente”.

O socialista recriminou que a Xunta acepte “con satisfacción unhas taxas de paro alarmantes porque son menores que as doutras autonomías” e lamentou que con estas contas “hai sectores enteiros condenados á desaparición: o naval, o eólico...”

Méndez Romeu (PSdeG): “Estes orzamentos van producir regresión”

“Este país precisa navegantes de altura que saiban a que porto nos levan. E este goberno adopta a táctica do surfista: sortear as ondas mentes poida, ata caer na auga”.

 

Comentarios