O PP veta a transferencia a Galiza dos servizos de meteoroloxía

O grupo maioritario da Cámara rexeitou tramitar a proposta do BNG que demandaba a transferencia das competencias en materia meteorolóxica pois, dixo Pedro Puy, iso significaría a “desaparición” da Axencia estatal de Meteoroloxía.

Pontón
photo_camera Ana Pontón

A predición meteorolóxica non serve só para “decidir que roupa imos pór” ou se “collemos ou non o paraugas” senón que inciden “directamente na economía” e en sectores produtivos como “a agricultura” e especialmente “o mar”. Así defendeu a vice-voceira do BNG, Ana Pontón, a importancia de Galiza contar cun servizo de predición meteorolóxica propio que, asemade, desenvolva un labor “eficiente” e “eficaz”, acrecentou, na investigación sobre o cambio climático e as particularidades climatolóxicas galegas.

Competencias en favor dun mellor servizo 

O grupo parlamentar nacionalista reclamou esta terza feira (6 de abril) a transferencia das competencias meteorolóxicas para Galiza fronte o “proceso de re-centralización política” que deseña o Partido Popular e que, segundo expuxo Pontón, empeora a prestación de servizos. Cuestión que exemplificou con algunhas das predicións feitas pola axencia estatal e que mesmo levaron a Xunta a cancelar as aulas nos centros de ensino público para que despois, sinalou, “non acontecese nada”. 

Á proposición lexislativa do Bloque sumáronse as demais forzas da oposición. Tanto AGE como o PsdeG-PSOE defenderon a medida “pola trascendencia que ten a materia para Galiza”, indicou a vice-voceira de Alternativa, Yolanda Díaz, e para sectores como “o agro e o mar”, acrecentou Francisco Caamaño en nome d@s socialistas. Predicións, indicou Díaz que tamén contribúen ao deseño de protocolos de actuación recollidos no Plan Territorial de Emerxencias de Galiza (Platerga) recentemente debatido no Pazo do Hórreo. 

Denuncian o desmantelamento de Meteogalicia como unha "estratexia" para a re-centralización

Ao tempo, as tres forzas políticas criticaron o “proceso de desmantelamento” que padece Meteogalicia desde hai anos e que deixa este organismo –creado pola Xunta hai unha década-- sen os recursos humanos e materiais suficientes para desenvolver de maneira acaída o seu traballo. “A redución dos seus recursos toma parte dunha estratexia perversa para logo dicir que son organismos ineficientes”, advertiu Ana Pontón polo BNG quen alertou tamén do proxecto de lei que prepara o Goberno español e no que revisará as transferencias competenciais en materia meteorolóxica. Unha medida que “Catalunya e Euskadi critican”, explicou,  mais fronte a cal a Xunta “o único que fai é calar dando por boa a posición en troca de reclamar as competencias” que, lembrou, tamén remataría coas duplicidades das que se laia o Partido Popular. 

E é que Galiza non conta con competencias propias nesta materia –como tampouco Ceúta e Melilla-- un feito que para @s nacionalistas reforza a “marxinación e discriminación” por parte do Goberno central.

Porén, desde o Partido Popular rexeitaron apoiar a iniciativa ao consideraren que a proposta suporía a “desaparición” da Axencia Estatal de Meteoroloxía. 

Imaxe capa: Xacobo R., Marexada en Barra (www.arteixo.org)

Comentarios