O PP veta o debate sobre a reforma da lei do aborto na Comisión de Igualdade

A forza política que apoia o goberno impediu que o anteproxecto de reforma da lei do aborto sexa introducido na folla de traballo da Comisión para a igualdade e os dereitos das mulleres. Aliás, os grupos da oposición critican que os acordos adoptados non sexan elevados ao Pleno para o seu posterior debate. 

aborto(3)

Esta terza feira (14 de xaneiro) o Parlamento acolleu a constitución da Comisión especial especial para a igualdade e os dereitos das mulleres. O seu obxectivo é trazar un debuxo da realidade actual que están a viver as mulleres en Galiza e pular por un programa de traballo na loita contra a violencia machista. 

Neste senso, as forzas da oposición (BNG, AGE e PSdeG-PSOE) demandaron na primeira sesión da comisión a introdución "de maneira urxente", en palabras da deputada do Bloque, Carme Adán, do anteproxecto de reforma da lei do aborto presentado polo goberno español pois constitúe, sinalou Carmen Acuña polo PSdeG-PSOE un exemplo de "violencia institucional". 

"Furtar" o debate 

Porén, a forza maioritaria da Cámara, o Partido Popular, rexeitou incluír na folla de rota deste grupo de traballo o debate da nova lei embora consituíe, acrecentou Acuña, "a maior agresión ao conseguido en igualdade" ao longo da historia e a "maior involución en décadas" para os dereitos das mulleres, indicou Adán. Así pois, a nacionalista demandou ao PP que non "furte" coa súa actitude "os debates sobre os dereitos das mulleres". 

Aliás, BNG e PSdeG-PSOE critican que os acordos adoptados na Comisión non sexa posteriormente elevados ao Pleno do Parlamento para o seu posterior debate malia a importancia dos temas que se tratarán. Unha actitude, din, que reflicte o rexeitamento do PP a "falar dos asuntos que preocupan á sociedade". 

Desde os grupos da oposición critican que "o veto" do PP dá comezo ao traballo da comisión "con trampa" e lamentaron que embora o presidente da Xunta cuestionar "supostamente" a proposta presentada polo seu partido en Madrid, impida o seu debate na Cámara galega. Unha norma, lembrou Carmen Acuña, que "anula o dereito a decidir sobre a maternidade e tamén o dereito como persoas a ter responsabilidade". 

Así mesmo, a deputada do BNG, Carme Adán, bateu contra o silenzo que garda a secretaria xeral de Igualdade desde que se deu a coñecer o contido da lei para os dereitos do concibido e a muller grávida e instárona a se posicionar a respeito das mudanzas que pretende intrucir o Ministerio de Xustiza español. 

Comentarios