O PP veta que o Consello de Contas investigue as contratacións da Xunta coa empresa da irmá de Feixoo

Os populares refusaron varias propostas de fiscalización enunciadas por PSdeG e BNG, entre outras ás referidas ás contratacións públicas da empresa Eulen desde 2009.
Alberto Núñez Feixoo, a súa irmá Micaela e a súa nai Sira, na noite electoral de 2020.
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, a súa irmá Micaela e a súa nai Sira, na noite electoral de 2020.

O PPdeG rexeitou unha batería de propostas realizadas pola oposición de fiscalización a cargo do Consello de Contas, entre as que se atopaban as contratacións públicas adxudicadas á empresa Eulen desde 2009, así como a elaboración dun informe sobre os contratos e convenios de publicidade, protocolo e comunicación desde 2015.

En comisión parlamentaria, os populares denegaron as 56 recomendacións realizadas polo PSdeG acerca da Memoria de Contas de 2020 e só aceptaron unha das 37 propostas do BNG, na que se apela a dar continuidade á fiscalización da asistencia sanitaria con medio alleos.

Opacidade

Tamén saíron adiante as dúas peticións realizadas polo PPdeG, nas que se insta a analizar o impacto financeiro dos novos medicamentos de terapia avanzada CAR-T e avaliar a capacidade de autoabastecemiento, á vez que se empraza á avaliación do contrato de xestión da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega) no relativo á valoración dos contratos programas das axencias públicas e o cumprimento dos seus obxectivos.

Durante o debate, a deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) recriminou que o Partido Popular vete "algo tan lóxico" como saber "canto gasta" a Xunta "no seu conxunto en publicidade", xa que di que Contas observa que nos gastos de inmobilizado inmaterial "escóndense grandes partidas de gasto en publicidade", polo que lle preocupa "esta "opacidade".

"Conivencia"

Noa Presas (BNG) sinalou a necesidade de que se auditen as contratacións públicas coa empresa Eulen tras informacións que apuntan a unha "conivencia" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "coa súa propia familia" ao ser súa irmá, Micaela Núñez Feixoo, a directora da zona noroeste do Grupo Eulen. "Cantas máis liñas de transparencia nese ámbito sería mellor", afirma.

A deputada nacionalista tamén se queixou do "desfasamento cronolóxico" entre o debate e a memoria, á vez que recrimina que os populares non atendan ás necesidades de auditoría que se propoñen en campos como a prevención da corrupción e cal é o retorno de incentivos fiscais, que "son absolutamente regresivos".

Nesta liña, pide que avalíe o "enchufismo" no sector das contratacións do transporte público, así como o convenio con Abanca para a instalación de caixeiros no rural, que estivo "viciado de inicio" e a súa concorrencia competitiva "foi máis ben un chiste".

O deputado popular José Manuel Rey Varela defendeu que o seu grupo non dea luz verde a ningunha proposta do PSdeG debido a que "moitas son repetidas" e remarcou a ceptación dunha proposta do Bloque.

Explicacións urxentes

Ante a negativa do PP para que o Consello de Contas realice o informe de fiscalización solicitado a Eulen, o Bloque anunciou que presentará unha batería urxente de iniciativas na Cámara galega para esixir explicacións en sede parlamentaria ante un posíbel trato de favor por parte do Goberno do PP a este grupo empresarial. 

Comentarios