O PP veta a proposta de manter Historia da Galiza en Bacharelato

A proposición solicitaba manter a materia.
Estudantes realizando a ABAU o pasado ano (Foto: Emeterio Suárez).
photo_camera (Foto: Emeterio Suárez).

O PP vetou no Parlamento galego a proposición non de lei na que o BNG emprazaba a Xunta a rectificar e, así, manter a materia de Xeografía e Historia da Galiza como materia "optativa autonómica" no segundo curso de Bacharelato, "despois de que a Consellaría de Educación a suprimise da estrutura dos currículos na Galiza", informou a formación. Segundo explicou o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, na defensa da súa iniciativa en comisión parlamentar, esta supresión é unha medida “ideolóxica” .

Lourenzo, na defensa da súa iniciativa en comisión parlamentar, indica que na citada estrutura curricular aparece como novidade a materia de Patrimonio e Sociedade, unha decisión que, segundo advertiu, ergueu a polémica entre numerosos e numerosas docentes e tamén no ámbito universitario e mesmo levou a abrir unha recollida de sinaturas ao consideraren que esta nova materia “vén substituír a de Xeografía e Historia de Galiza, marxinando así os estudos sobre o País e a disciplina académica que debulla a súa historia”.

Tamén na mencionada comisión, a portavoz de LGTBI do grupo socialista, Noelia Otero, alertou do "incumprimento sistemático" por parte da Xunta da Lei de Igualdade de Trato e non Discriminación LGTBI, aprobada en 2014. Otero advertiu dos "incumprimentos" por parte de Educación, "que fai caso omiso no mínimo en sete artigos", e citou entre estas "faltas de cumprimentos" as relativas á obriga da inclusión da realidade LGTBI nos plans de estudos (artigo 22) ou a fomentar actividades dirixidas á comunidade escolar para previr actitudes discriminatorias (art. 23).

Tamén en sede parlamentar, e xa na comisión de Agricultura, o BNG, a través do deputado Xosé Luis Rivas 'Mini', alertou da desaparición de explotacións leiteiras e cualificou de "Operación roza" as políticas do PP para rematar con iniciativas postas en marcha pola formación nacionalista no Goberno bipartito como a Mesa do leite ou o Banco de Terras.

Nesta mesma comisión, a deputada socialista Carmen Rodríguez denunciou “a errática política de persoal” da Consellaría de Medio Rural e preguntou por diversas sentenzas emitidas nos últimos anos por "atentar contra os dereitos laborais de traballadores e traballadoras". 

Na súa resposta, o secretario xeral de Medio Rural, Nicolás Vázquez, defendeu o proceder da Xunta e afirmou que "non todo é branco nin negro". Considerou que desde a Administración sempre se actuou "coas medidas oportunas".

Comentarios