PARLAMENTO GALEGO

O PP veta unha proposta para solucionar a ‘pobreza enerxética’, que afecta 18% fogares galegos

A proposta de lei propuña medidas concretas dirixidas a evitar que as familias ficasen sen luz ou calefacción por falla de recursos. Presentada polo BNG, tivo o apoio de AGE e PSdeG.

pobreza

En Galiza o 18% dos fogares están en risco de pobreza enerxética. Case 450.000 persoas afectadas por unha situación que, en palabras da deputada do BNG Carme Adán, “non é un mal porque si, é consecuencia das políticas aplicadas polo Partido Popular”. Adán ofreceu estas cifras e realizou esta afirmación durante a presentación da toma en consideración da proposta de lei do BNG sobre a pobreza enerxética. Cuestión que a ‘apisonadora’ popular se encargou de que non pase nin sequera a ser debatida. 41 votos seus fronte 33 da oposición.

A proposta d@s nacionalistas puña sobre a mesa a necesidade definir claramente o que é a pobreza enerxética. Adán dixo que estudos e informes coinciden en que esa situación dase cando nun fogar máis do 10% dos seus ingresos van destinados a pagar a enerxía doméstica. A pagar facturas de luz, calefacción... “En Galiza o 18% dos fogares están nesa situación”. O documento presentado polo BNG propuña unha serie de medidas concretas para atallar a pobreza enerxética. A parlamentar nacionalista afirmou que a enerxía ten que ser “un ben público e non un simple beneficio para grandes empresas”, incidindo en que Galiza é “un país que produce enerxía a esgalla, que exporta enerxía”, mais que malia iso, ten a mesma tarifa que territorios que non teñen esas vantaxes.

Desde a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) Juan Fajardo criticou con dureza que nun debate tan importante para o día a día de milleiros de galeg@s nin o presidente da Xunta nin os conselleiros estivesen presentes. Dixo que a pobreza enerxética tiña causantes, “políticas do PP e privatizacións”. Carme Gallego, PSdeG, puxo como exemplo máis dramático de ‘pobreza enerxética’, as “800 persoas mortas en 2011” por, dixo, esa realidade. En 1996 foron 200.

Desde o Partido Popular defenderon a política enerxética do goberno e o ‘ticket’ eléctrico (medida criticada por toda a oposición por ser meramente cosmética e non servir). E votaron para que a proposta de lei do BNG nin sequera chegase a ser tomada en consideración. 

Na tarde desta terza feira o Congreso español debaterá unha moción do BNG na que demanda unha tarifa eléctrica galega e a suspensión do sistema de subastas eléctricas para industrias

Comentarios