O PP veta que Feijóo teña que explicar no Parlamento o seu apoio a Baltar e o 'fracaso' do concurso eólico

BNG e AGE solicitaran que o presidente explicase o seu respaldo ao presidente da Deputación de Ourense, imputado por acoso sexual, tráfico de influencias e suborno.

Feijoo parlamento pedro puy xunta PP

O PP volveu empregar o rolo da súa maioría na Xunta de Portavoves para que Núñez Feijóo non teña que dar explicacións no Parlamento de Galiza sobre dúas cuestións que lle son incómodas: o caso Baltar e o concurso eólico. BNG e AGE solicitan que o presidente comparecese na Cámara a fin de explicar as medidas sobre a investigación xudicial aberta contra o presidente da Deputación de Ourense. O portavoz nacionalista no Parlamento, Francisco Jorquera, lembrou que desde o último debate, houbo novidades importantes neste tema: a imputación de José Manuel Baltar polo presunto delito de suborno e tráfico de influencias veu engadirse o dun presunto de delito por acoso sexual. Porén, e malia esta triple imputación, a tripla imputación,  Baltar acaba de ser reelecto presidente do PP de Ourense “co respaldo de Feijóo”.

"Abrazou Baltar, a política de enchufes, o uso clientelar das institucións. Avalar isto amosa que o PP non quere rexenerar nada e nunca tivo intención de limpar" as institucións, dixo Antón Sánchez, de AGE. 

De por parte, o Partido Popular tamén rexeitou a solicitude do BNG e Grupo Mixto sobre a comparecencia do conselleiro de Industria para explicar a resolución xudicial que cualifica  de “ilegal” a anulación do concurso eólico do Goberno bipartito. O TSXG exixe a "retroacción das actuacións á fase de valoración da oferta" ao estimar a demanda presentada por unha das empresas que quedaron fóra, Capital Energy.  A sentenza declara nula a adxudicación de 2.325 megavatios debido a que a fórmula elixida polo goberno para valorar os proxectos que concorrían ao concurso deu por bons mesmo propostas que non carrexaban ningún posto de traballo.

O portavoz parlamentar nacionalista tamén se referiu á negativa do PP a que comparece a Secretaria de Igualdade para dar conta “da vulneración dos dereitos das mulleres que se someten a unha interrupción voluntaria do embarazo na Área sanitaria da Coruña”.

Comentarios