A proposta de orzamentos de Feixoo pasa a primeira votación no Hórreo

O PP rexeita subir os impostos ás rendas millonarias

Os orzamentos da Xunta para 2021 pasaron a primeira votación na Cámara grazas á maioría do PP, que rexeitou as emendas á totalidade presentadas polo BNG e PSdeG así como as propostas que nacionalistas e socialistas realizaron para mudar as contías, co obxectivo de priorizar aspectos como a sanidade ou o ensino públicos.
O PP rexeita subir os impostos ás rendas millonarias. (Foto: Arxina)
photo_camera O PP rexeita subir os impostos ás rendas millonarias. (Foto: Arxina)

O proxecto de orzamentos da Xunta da Galiza para 2021 obtivo hoxe luz verde na súa primeira votación na Cámara galega, grazas á maioría absoluta coa que conta o Partido Popular, que rexeitou as emendas á totalidade presentadas polos grupos da oposición (BNG e PSdeG), que pediron a devolución das contas ao Executivo de Alberto Núñez Feixoo. Ademais, o PP tamén votou en contra das emendas da oposición que pedían subir o IRPF ás rendas máis altas. 

Agora, os orzamentos continuarán a súa tramitación na comisión de Economía co debate das emendas parciais, prevéndose que a votación final no Parlamento sexa a mediados de xaneiro e que a entrada en vigor se produza no mes de febreiro.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, reprochou á oposición que "só teña unha proposta: máis impostos para os galegos cando as cousas van ben e cando existen tantas dificultades como neste momento".

Por tal motivo, enxalzou a decisión da Xunta de "aproveitar ao máximo" todos os recursos dispoñíbeis, e aquí incluíu os 685 millóns de transferencia extraordinaria que fai o Estado á Galiza, 685 millóns que se van poder gastar polo aumento da marxe de déficit e 430 millóns da primeira anualidade do fondo europeo React-UE.

"Agasallos fiscais"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou que a Xunta erra ao facer “agasallos fiscais” ás rendas máis altas “privando o país duns ingresos necesarios”. Nese sentido, explicou que “pese aos fondos europeos, de descontar a inflación, os orzamentos son inferiores aos de hai 12 anos” e advertiu que a Galiza perderá ingresos “porque a Xunta non ten estratexia para conseguir a xestión directa do Next Generation”, dixo en referencia aos fondos europeos.

Ademais, a nacionalista criticou que no medio da pandemia descenda o peso relativo da sanidade (pasa de supor 33,8% do investimento en 2020 a 33,5% en 2021) e que a Atención Primaria “teña menos recursos que antes da chegada de Feixoo á Presidencia". Nese sentido Pontón criticou que a Primaria vexa reducido o seu orzamento en 45 millóns menos que hai 12 anos e compute un recorte acumulado superior a “2.000 millóns na última década". Entre as propostas que realizou o BNG, todas rexeitadas polo PP, estaba a mobilización de 1.600 millóns de euros "para atender as urxencias dos sectores máis danados pola pandemia, reforzar a sanidade e impulsar un modelo produtivo baseado na investigación e a ciencia". O Bloque tamén defendeu destinar 100 millóns para axudas directas á hostalaría, 250 millóns para reforzar a Atención Primaria e 100 millóns para fomentar a contratación estábel e reducir as listas de espera na sanidade. Aliás, a formación nacionalista reclamou 40 millóns para incrementar as pensións non contributivas e 240 millóns para o ensino e a fenda dixital.

Década de recortes

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou que a Xunta careza de "proxecto para saber en que gastar os 1.100 millóns extra que achega o Goberno estatal grazas á política progresista e  keynesiana", dixo en referencia ao Executivo de Pedro Sánchez. Feixoo "queda descolocado", asegurou Caballero, "cando ten que gastar máis" logo de 11 anos de "facer un catecismo dos recortes".

En canto á suba do IRPF, o socialista defendeu que é "razoábel" que as "persoas millonarias poñan un plus" para unha saída "máis xusta" da crise. Así mesmo, pediu retirar dos orzamentos o "atentado ao municipalismo" que na súa opinión supón a baixada de transferencias da Xunta aos Concellos. A ese respecto, Caballero considerou que "hai marxe" para dedicar 100 millóns de euros a un fondo "a maiores" a municipios.

É "importante deixar de contar trolas", dixo o socialista ao conselleiro de Facenda, pedíndolle un apoio maior á hostalaría e recordando que os 17 millóns en axudas directas só suporán 900 euros por afectado.

As propostas do Partido Socialista tampouco foron aceptadas pola maioría do PP na Cámara. Entre elas figuraba o aumento en 121 millóns das partidas para sanidade, destinando 74 millóns máis para a Atención Primaria, e incrementar en 113 millóns máis os orzamentos de educación.

Reproches a Feixoo por pedir "sentidiño"

As fotos sen máscara nin distancia de Alberto Núñez Feixoo con Pablo Casado no acto da pasada sexta feira na Coruña resoaron esta segunda feira no Parlamento galego. Para a portavoz do BNG, Ana Pontón, trátase dun asunto "moi grave" porque “non se pode apelar á responsabilidade individual e despois dar unha mostra de irresponsabilidade, non se pode rifar á cidadanía e despois facer o contrario do que se exixe".

Tamén o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo un chamamento á "prudencia" e á "responsabilidade" e apostilou que os orzamentos da Xunta para 2021 "son tan críbeis como Feixoo falando de 'sentidiño' sen máscara". O propio Feixoo manifestou "non ter inconveniente en pedir desculpas se hai que pedilas" e encadrou o acontecido nos "segundos" entre que "un fala" e se coloca a máscara. 

Comentarios