O PP veta no Parlamento a ILP da CIG con 100 medidas para crear emprego

Toda a oposición apoiou no Pleno a toma en consideración da ILP presentada pola CIG e avalada por 31.000 sinaturas. Suso Seixo, secretario xeral do sindicato, xa anunciou que malia o resultado ‘’seguiremos a traballar polo dereito a unha vida digna neste Terra’’.

Seixo CIG
photo_camera Foto: CIG

Máis unha vez o PP fixo valer a súa maioría absoluta no Parlamento galego para tombar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP). Desta vez foi a ILP pola creación de emprego presentada pola CIG e avalada por máis de 31.000 sinaturas (o duplo do preciso) , así como por 34 concellos, comités de empresas, entidades... De nada valeu ese apoio ante un Partido Popular que utilizou os seus votos para vetar mesmo que esta iniciativa pasase ao trámite de debate. A oposición no seu conxunto (BNG, AGE, PsdeG e grupo mixto) deron o seu apoio a esta proposta lexislativa.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, defendeu desde a palestra parlamentar que as 100 medidas recollidas na iniciativa lexislativa eran realizábeis de haber vontade para iso por parte do goberno. Lembrou que o “grave problema económico e social de Galiza” é o desemprego, unha realidade que “afecta a perto de 300.000 persoas, e detrás desas cifras hai verdadeiros dramas humanos”.

Seixo afirmou que as medidas que até o de agora impulsan Xunta e goberno central “non acaban co paro, senón o contrario", e citou as reformas laborais como un exemplo diso.

Mudar un sistema “do que non temos nada que esperar”

Esta iniciativa temán tiña entre os seus obxectivos “transmitir á sociedade galega que hai alternativas, que estas pasan por facer políticas pensadas na maioría social e non nos intereses de especuladores, banqueiros, grandes empresas...”. Seixo apuntou na súa intervención na Cámara do Hórreo a necesidade de que “a sociedade tome conciencia de que deste modelo neoliberal non se pode agardar nada, que hai que mudalo por outro máis xusto e igualitario”.

Jorquera (BNG): “ As políticas que se están a facer non serven para saír da crise”

O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, anunciou de partida o apoio da fronte nacionalista a esta ILP. Tanto polo seu contido como polo feito que supón levar o Parlamento 31.000 apoios. “Vivimos tempos de crise da democracia, con gobernos a actuar como títeres dos poderes económicos. Para rexenerar a democracia hai que recuperar o seu significado, o poder do pobo. Por iso apoiamos o dereito a decidir. E por iso apoiamos mecanismos de participación directa como son as ILP”.

Jorquera salientou que as políticas que se están a facer “non serven para saír da crise. Están a facer un modelo social moito máis inxusto”, polo que “cómpre outra política económica, que mova os recursos para poñer o noso país a producir, para crear emprego, con medidas como as contempladas nesta ILP”.

Fajardo (AGE): “O PP quere unha sociedade coa clase obreira como esclavos”.

Juan Fajardo interveu en representación de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) e tamén apoio a proposta da CIG. O deputado vilagarcián mesmo quixo agradecer á CIG “que presentase esta iniciativa” e cualificou de “falla de respeto” que durante o debate non estivesen alí nen a conselleira de Traballo nen o presidente da Xunta.

Fajardo denunciou que “neste país posuír un posto de traballo xa non garante saír da pobreza e vivir con dignidade” e denunciou que o PP ten como única política económica a de baixar impostos e taxas a empresarios e ricos: “E así non se xera emprego, iso é falso”.

Iglesias (Grupo mixto): “Esta iniciativa popular síntoa como propia”

Carme Iglesias, do grupo mixto, foi a primeira en intervir. “Esta ILP non tería que pasar o trámite da toma en consideración. Como non apoiar unha ILP con medidas para crear emprego? Unha iniciativa que provén da propia base que sabe o que é non ter emprego”

“Son nai dunha filla na emigración e outra no paro”, dixo Iglesias, que engadiu: “Esta Iniciativa popular síntoa como propia e agradezo aos seus impulsores que a presentasen”.

Quintas (PSOE): “As familias galegas viven cada vez peor”

María Quintas valorou “positivamente” a proposta da CIG. “Sería imposíbel valorar nesta intervención todas as medidas propostas, pero partillamos a demanda de que é mester facer unha política distinta”.

Quintas afirmou que “as políticas do goberno de Feijóo resúmense que as familias galegas están peor en todos os indicadores agora que hai cinco anos”.

Pedro Arias (PP): “Esta iniciativa non dá resposta aos problemas”

O deputado Carlos Arias baseou a súa intervención en dous eixos: que a problemática actual que se vive é en grande medida herdada do período Zapatero e que as medidas propostas pola CIG non dan resposta á cuestión do desemprego. Mesmo apuntou que a demanda de cuestións como a soberanía está a facer que o BNG “perda” votos.

Finalmente, e após as quendas de intervencións, decorreu a votación: 40 en contra da consideración a trámite da iniciativa avalada por máis de 31.000 sinaturas, e 33 a favor.

Comentarios