Nen PP nen PSdeG apoian no Pleno a creación da comisión de investigación sobre Angrois

PSOE e PP declinan a creación dunha comisión de investigación arredor do accidente de Angrois argüíndo que “non se dan as condicións” e que a Cámara “non ten lexitimidade” nin “competencias” para investigar o sinistro.

O bipartidismo fai fronte común a unha investigación arredor das causas do accidente transcorrido na curva da Grandeira o pasado 24 de xullo e rexeitan –por abstención (PsdeG) e voto en contra (PP)-- que a Cámara galega cree unha comisión ao respeito. 

Alejandro Gómez (PP): "O Parlamento non ten lexitimidade nin competencias para investigar o acontecido"

Para @s socialistas “non é o momento” nin “se dan as condicións” acaídas  para a creación desta comisión de investigación polo que decidiron absterse na votación decorrida esta terza feira no Pleno do Parlamento. Pola súa banda, desde o PP aseguran que o poder lexislativo “non ten lexitimidade” nin “competencias” para investigar o acontecindo pois, asegurou o deputado popular Alejandro Gómez, as competencias nesta materia “son exclusivas” do Estado español. 

Raúl Fernández (PSOE): "Non é o momento nin se dan as condicións para a investigación parlamentar"

Bloque e Alternativa galega ven responsabilidades políticas na falta de medidas de seguridade

BNG e AGE, ambas as dúas forzas asinantes da proposta de creación da comisión, criticaron con dureza o posicionamento amosado por PP e PsdeG. “Só quen ten algo que ocultar pode negarse a que se investigue” afirmou con rotundidade o portavoz parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera. Asemade, o nacionalista lembrou que a Cámara pode constituír comisións de investigación “sobre calquera asunto de interese público” independentemente de existiren outros órganos públicos desenvolvendo as mesmas tarefas.

Francisco Jorquera (BNG): "Só quen ten algo que ocultar pode negarse a que se investigue”

“Fan que Fraga pareza un exemplo de democracia e respecto a este Parlamento”, salientou lembrando a comisión de investigación constituída após a catástrofe do Prestige. "Son excusas de malpagador" denunciou Jorquera en alusión ás explicacións de populares e socialistas. Tamén así, criticou que "precisamente" poida ser "a falta de competencias" de Galiza sobre as súas infraestruturas a que a converta no territorio onde os accidentes ferroviarios teñen maiores magnitudes.

Para o portavoz do BNG os "défices de seguridade" detectados nas liñas de alta velocidade galegas débense a que "despois de investir 2 mil millóns na súa construción", dixo, "regateouse" na instalación dos mecanismos que impedirían a traxedia --como o sistema ERMTS. "Todos os dados avalan que o accidente non se debeu a unha causa única", asegurou o nacionalista quen pediu que a comisión determine non só "as causas e responsabilidades" do accidente senón tamén que promova "medidas que impidan" novos accidentes.

X.M. Beiras (AGE): "O que aconteceu non é un accidente, é un homicidio involuntario"

Na súa quenda de intervención, Xosé Manuel Beiras acusou aos responsábeis políticos do deseño e trazado da liña de alta velocidade de incorreren nun “homicidio involuntario” que causou  79 vítimas mortais e ducias de ferid@s. Aliás, lembrou @s populares as verbas dunha deputada do seu  partido na Asemblea de Madrid que viaxaba no Alvia sinistrado. “Ela bota centellas de vostedes”, considerou o portavoz de AGE. 
Para a coalición electoral "non é o maquinista" senón "o aparato de poder do estado" o responsábel da catástrofe polo que a Cámara debe dilucidar "ao servizo de quen está", sinalou, se "ao servizo dos cidadáns" ou "dos intereses dos partidos maioritarios".

Comentarios