O PP veta Carmen Santos como interlocutora no Parlamento

“Demita ou non, Carmen Santos deixou de ser unha interlocutora válida”. Así o afirma o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, quen veta a súa homóloga de Podemos nas relacións parlamentares. Todo, por un chío no Twitter en que Santos relacionaba os populares coa violencia machista.

Carmen Santos
photo_camera Carmen Santos

O PP ten vetada a Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos, nas interlocucións do Parlamento. “Para nós está inhabilitada”, apunta o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, quen insiste en pedir a demisión da responsábel da formación de Pablo Iglesias na Galiza por un chío que vinculaba populares con violencia machista. "Hoxe todas na loita feminista. Revindicamos que non nos asasinen señores do @ppdegalicia. Politizades con pasividade", afirmaba Carmen Santos o 5 de marzo, no marco na mobilización feminista con motivo do Día da Muller.

As declaracións de Tellado chegan após unha polémica entrevista de Santos no programa Galicia por Diante da Radio Galega. “Non só non se desculpou polo chío, senón que insistiu nel”, considera o secretario xeral do PP, quen engade que “é indigna para o exercicio da política e desaparece para nós”.

A partir de agora Carme Santos, segundo Tellado, “poderá votar e intervir”, pero para o seu grupo “deixa de ser unha representante do pobo de Galiza”. Agrega que o PP participará nos debates en que a secretaria xeral de Podemos estea presente, pero advirte de que non haberá acordos coa súa formación cando ela exerza de interlocutora.

Aliás, Tellado critica a actitude da secretaria xeral de Podemos co xornalista Kiko Novoa, “cando as preguntas non gustan, atacan [Podemos] os profesionais dos medios”. E é que Carmen Santos criticoulle as preguntas ao entrevistador e denunciou a "falta de pluralismo" da Radio Galega e da TVG. Podemos Galicia, a través do seu perfil nas redes sociais, ratificou as palabras da súa secretaria xeral e tamén censurou o xornalista.

Carmen Santos, pola súa banda, acusa o PP de “instrumentalizar” o seu chío sobre a violencia machista para “esconder a realidade dos recortes” da Xunta de Galiza nesta materia. Nun vídeo difundido nas súas contas nas redes sociais, a secretaria xeral de Podemos explica que quixo decidir co seu chío do 5 de marzo que “os recortes matan”. Persoas próximas a Santos sempre alegaron que na mensaxe faltaba unha coma, e de aí a interpretación do PP, quen entendeu que a líder de Podemos insinuaba unha relación entre os asasinatos machistas e os populares.

“Ameaza baleira” de Tellado

En Marea emitiu un comunicado no que acusa o PP de utilizar “unha polémica para desviar a atención” e, ante a “ameaza baleira” de Tellado, o partido instrumental criticou a “actitude autoritaria dos populares”. Aliás, censura que o PP “se faga o ofendido por un tuit” e que, á vez, “permaneza impasíbel ante o número crecente de vítimas de violencia de xénero”.

En apoio a Santos, o partido instrumental reiterou que é “soberana para decidir quen negocia” e “para repetir” que “os recortes teñen consecuencia na vida dos galegos”.

Comentarios