O PP ve na fuga de cargos a Ciudadanos “unha anécdota puntual”

“Ambicións persoais”. Esta é a razón que dá o secretario xeral do PP na Galiza, Miguel Tellado, á saída de edís e deputados provinciais do partido en Ourense para se integrar en Ciudadanos. Considérao unha “anécdota puntual”.

tellado feixoo PP imaxe do Flickr do PPdeG
photo_camera [Imaxe: Flickr PP] Á esquerda, Diego Calvo, no centro, Miguel Tellado e á dereita, Feixoo

Miguel Tellado, secretario xeral do PP na Galiza, reaccionou á saída de cargos institucionais do partido en Ourense para se integraren en Ciudadanos e en declaracións aos medios tratou de minimizar a “fuga”. Ocorre, dixo, “en todos os procesos electorais”.

Sinalou que a marcha de concelleiros e deputados provinciais responde á “ambición persoal de quen decide marchar”. Unha ambición que se “antepón á colectiva que se comparte nun partido e ao seu proxecto común”.

Neste sentido puxo de manifesto que “militar nun partido ten un compoñente de compromiso persoal” e os que ocupan cargos “representan o partido e a confianza de quen votan”. “Quen muda de partido retrátase con claridade”, engadiu.

Considera “anecdóticas” as saídas de cargos do partido, “vivímolas sempre, asistimos á macha de persoas a UPyD, do noso ou doutros partidos, ao partido de Mario Conde, A Ciudadanos...” e “tamén” hai quen salta de Ciudadanos ao PP, subliñou. En todo caso, o PP “é un partido grande, coas portas e ventás abertas”.

A última en anunciar a súa saída do PP foi a deputada provincial e concelleira en Xinzo de Limia Montse Lama, que podería seguir os pasos do ex portavoz do Goberno municipal de Ourense, Xosé Araúxo.  Este último confirmou a súa alta como militante do partido de Albert Rivera tras deixar o PP.

Comentarios