Debate do estado da nación

O PP usará a cuestión catalá para negar avanzos ao autogoberno galego

Non por acaso colocou o PP o debate do estado da nación na semana posterior ao 1-O. O PP vai usar a fondo a cuestión catalá -a demanda de autodeterminación- para negar avanzos ao autogoberno galego co argumento de que o benestar da Galiza depende da "capacidade redistributiva" do Estado. O debate vivirá esta cuarta feira (a partir das 10 horas) a súa primeira sesión, a do combate dialéctico entre Feijóo e os portavoces da oposición.  A quinta feira será o segundo acto, o das propostas de resolución.

Pleno do Parlamento galego, 22 de febreiro de 2017.
photo_camera Un aspecto do Parlamento galego

Antes do 1-O, os estrategas do PP tiñan claro que colocar o debate do estado da nación após a realización do referendo de autodeterminación beneficiaba os seus intereses. Após o 1-O -e tendo en conta que o foco se puxo nos últimos días sobre o uso desproporcionado da violencia por parte do Estado- xa non é tan evidente que Feijóo parta con vantaxe no primeiro debate do estado da nación do seu terceiro mandato consecutivo como presidente do executivo galego.

En calquera caso, o PP non vai variar a súa estratexia. Venderá fundamentalmente un conceito, o da estabilidade. Face ao que cualifica como caos da oposición -tres forzas políticas que compiten entre si, e con situacións internas complexas no caso do PSdeG e de En Marea- e face á situación catalá, Galiza sería un oasis de seguranza e harmonía, segundo o relato da formación conservadora, grazas á existencia dun partido que dispón dun sólido apoio eleitoral (47 por cento dos sufraxios emitidos nas eleicións galegas de setembro de 2016).

Xa esta segunda feira, Pedro Puy, portavoz do grupo parlamentar, avanzou que a cuestión catalá estará presente no debate porque "atinxe Galiza". E non será unha presenza colateral, porque, sobranceou Puy, para o PP cómpre "facer énfase" en que o país non sería "alleo" ao "conflito" entre as institucións catalás e as españolas. O asunto é "suficientemente grave" como para "Galiza tomar nota", xulga Puy.

O PP defenderá que a eventual independencia de Catalunya -votada afirmativamente por 2 millóns de persoas este 1-O, 90 por cento dos sufraxios emitidos- sería "prexudicial" para Galiza "do ponto de vista intelectual, social e económico". Nese sentido, botará man de informes como o do Foro de Economía de Galiza -que preside o economista Santiago Lago- en que se estima en 1.000 millóns de euros/ano a factura que para as arcas galegas decorrería da fundación dunha República catalá (Catalunya representa 18 por cento do PIB estatal e deixaría de contribuír á facenda española). O ataque do PP terá como albos prioritarios o BNG e En Marea por teren emprestado apoio, con maior ou menor intensidade, ao referendo de autodeterminación.

Canto ao guión da oposición, En Marea defenderá a súa proposta de renovación dun marco estatutario "que está sen desenvolver e está obsoleto", en expresión de Luís Villares, en tanto que o PSdeG circunstancialmente liderado por Xoaquín Fernández Leiceaga -no primeiro plano após o seu pacto con Gonzalo Caballero- voltará a facer profesión de fe autonomista con algunhas pingas da proposta federalista impulsada no cenario estatal por Pedro Sánchez. Aliás, en determinados aspectos da cuestión nacional -nomeadamente no que ten a ver co financiamento- Leiceaga está máis perto do PP -na defensa da idea dun Estado magnánimo e redistribuídor- do que de En Marea e BNG.

As Bases Democráticas

A antítese do enroque centralista de Feijóo voltará a ser o discurso soberanista do BNG. Ana Pontón trasladará ao debate as Bases Democráticas para unha Nova Galiza recentemente apresentadas en sociedade pola formación nacionalista. A líder do Bloque cuestionará Feijóo por axir non como presidente do goberno dunha nación sen estado, senón como o dirixente dun partido político que, alén do máis, é neste momento sinónimo de corrupción e políticas anti-sociais.

Comentarios