As impugnacións colocan o PP como a forza máis votada na Coruña e abocan as Mareas a pactar co PSOE

[ACTUALIZACIÓN ÁS 11.50] A Xunta electoral dá por bons 50 dos sufraxios recorridos polo PP e 19 da Marea Atlántica. A candidatura municipalista conta co apoio do PSdeG para facerse coa Alcaldía. A intención da formación liderada por Xulio Ferreiro é gobernar en solitario.

Segundo avanza o programa A crónica da Radio Galega o PP da Coruña teríase tornado primeira forza após resolver a Xunta electoral as impugnacións presentadas a respeito dos resultados obtidos do reconto do 25M. 

Neste senso, o grupo municipal popular superaría por 28 votos a Marea que, malia contar con igual número de escanos, pasaría a ser a segunda forza máis votada. 

A Marea tenciona gobernar A Coruña en solitario e negociará a investidura con todos os grupos, sen renunciar a conseguir no mínimo a abstención do PP

Porén, malia a mudanza nos resultados, a secretaria do PSdeG da Coruña, Mar Barcón, xa anunciou que apoiarán a investidura de Xulio Ferreiro como alcalde para garantiren, dixo, un "cambio político" na cidade herculina. 

A Marea ten a intención de gobernar a cidade en solitario. Cara á investidura manterán contactos con todos os grupos. Tencionan o apoio de PSdeG e BNG e non renuncian a conseguir no mínimo a abstención do PP.

Comentarios