PP tomba unha proposta para investigar os 7.000 bens públicos que a Igrexa rexistrou como propios na Galiza

O BNG defendeu a necesidade de investigar e anular "os rexistros que se fixeron de forma irregular".

Entidades sociais e políticas exixen coñecer a listaxe de inmatriculacións (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Entidades sociais e políticas exixen coñecer a listaxe de inmatriculacións (Imaxe: Europa Press)

A Igrexa católica conta cun total de 7.131 bens inmatriculados na Galiza entre 1998 e 2015, por mor da reforma da Lei Hipotecaria levada a cabo polo Goberno de José María Aznar, segundo a listaxe elaborada polo Goberno español e enviada ao Congreso dos Deputados.

Segundo esta listaxe, Galiza é o segundo territorio con máis inmatriculacións -acción de inscribir por primeira vez unha propiedade no rexistro da propiedade- do total de 34.961 existentes no Estado español, só por detrás de Castela e León (10.243). Unha listaxe na que hai garaxes, carballeiras,leiras, cruceiros ou pisos.

O PPdeG votou en contra dunha iniciativa do BNG para demandar a investigación desas inmatriculacións e a anulación das relativas a bens de dominio público, o que impediu a súa aprobación, tras remarcar que hai "unha vía procesual" para a reclamación.

No marco da Comisión Institucional, de Administración  Xeral,  Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia, o deputado do Bloque Luís Bará defendeu unha proposición non de lei ( PNL) que apoiou o PSdeG e respecto á que o PP se posicionou en contra.

Así, o grupo nacionalista buscaba que a Xunta pedise ao Goberno estatal ampliar a información achegada sobre os bens  inmatriculados para facilitar a súa identificación e localización.

Tamén se demandaba a investigación das  inmatriculacións realizadas pola Igrexa. Ademais, o BNG aspiraba a que a Xunta instase o Executivo español a anular as  inmatriculacións realizadas sobre bens de dominio público e a reclamar a titularidade do dominio das efectuadas sen un título material e previo.

Información pública

Así mesmo, a iniciativa expuña que o Goberno galego puxese en marcha unha oficina de información e asesoramento ás entidades que reclamasen estes bens e promovese accións para anular as  inmatriculacións de bens de dominio público e as realizadas sen acreditar a titularidade.

Durante a comisión parlamentaria, Luís Bará denunciou que a "apropiación masiva de todo tipo de propiedades de dominio público" por parte da Igrexa católica non deu comezo coa reforma da Lei Hipotecaria levada a cabo polo goberno de Aznar, senón que representa "unha anomalía democrática" que se remonta ao franquismo, do que a igrexa actuou como "cómplice", o que causou que fose "obxecto de privilexios".

O deputado do BNG remarcou que a maior parte dos bens  inmatriculados "non son de culto" e incidiu en que non haberá "ningún problema" se a Igrexa católica demostra a súa titularidade. Así, insistiu en que a iniciativa busca investigar e anular "os rexistros que se fixeron de forma irregular" e axudar aos colectivos para "recuperar eses bens", pero "non se vai a quitar a ninguén nada que non sexa da súa propiedade".

Pola súa banda, o deputado do PP Alberto Pazos defendeu que a reforma da Lei Hipotecaria non implicou "ningún privilexio" para a Igrexa católica, senón que finalizou cunha "discriminación", xa que "todas as relixións podían rexistrar os seus templos salvo unha".

A deputada socialista Paloma­­­­­­­­­ Castro considerou que a iniciativa do BNG busca "atribuír a cada un o que lle corresponde" e afirmou que a súa formación presentou outras similares. Ademais, resaltou que "tivo que chegar o goberno de (Pedro) Sánchez para dicir á Igrexa que todos somos iguais" e defendeu que a elaboración do inventario de bens  inmatriculados "foi necesaria".

Comentarios