Nova aproximación do PSdeG a BNG e En Marea

O PP tomba a petición da oposición dunha comisión de investigación dos contratos a Villar Mir

Os populares fixeron valer a súa maioría perante BNG, En Marea, e un PSdeG que finalmente se acabou sumando á petición dos dous primeiros.

Parlamento da Galiza
photo_camera Parlamento de Galiza

O Partido Popular fixo valer a súa maioría e non dubidou en pasar o rolo sobre a petición da oposición  de crear unha comisión de investigación sobre autorizacións, contratos, concesións e “todas as relacións” de Villar Mir co sector público galego. O PSdeG acabou finalmente apoiando a proposta conxunta de BNG e En Marea -en orixe unha idea da formación liderada por Ana Pontón-, se ben nun principio manifestara as súas reservas sobre esta solicitude. Mais de pouco valeu a unidade de toda a oposición fronte a un PP que xa anunciara había unha semana que ía tombar a proposta.

Non gostou a deputada popular, Paula Prado, da petición. “É un xuízo paralelo”, afirmou na súa quenda de intervención no pleno ao tempo que cargaba contra o que cualificaba de “populismo barato”. Díxoo despois das intervencións dos representantes das forzas da oposición para explicar os por que desta solicitude.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, defendeu a necesidade da comisión de investigación, apontando á imputación de Villar Mir na Operación Lezo por presunto financiamento ilegal do PP. Un Villar Mir con importantes negocios en Galiza, como Ferroatlántica, do que quer vender as centrais hidroeléctricos, algo que desde o BNG rexeitan frontalmente e teñen cualificado como “unha pelotada de 255 millóns de euros”. Pontón afirmou que unha investigación no Parlamento de Galiza "só pódelle molestar a quen teña algo que ocultar".

Tamén se referiu ao financiamento irregular do Partido Popular Luís Villares (En Marea), que indicou que a comisión serviría para “verificar” e para “comprobar” se os negocios de Villar Mir co sector público galego eran correctos. Desde o PSdG José Manuel Díaz Villoslada indicou que non se ían opoñer á comisión, contrariamente ao que apontaban hai unha semana, e convidou o PP a “sumarse á rexeneración”.

Comentarios