Pura coincidencia ou cálculo medido?

O PP tira do DOG para se reforzar na precampaña

Sorprende a insual actividade da Xunta de Galiza nos últimos días. Só na última semana, o Goberno galego puxo en marcha –ou deu luz verde- até 13 actuacións de marcado carácter electoralista, pois moitas delas agardadas desde había meses.

FEIJOO2
photo_camera [Imaxe: PP] Feijóo, nun acto de campaña

Desde a pasada segunda feira -29 de agosto- a Xunta de Galiza anunciou até 13 actuacións, a meirande parte delas agardadas e demandas desde había meses polos colectivos afectados. Así, a escasos días do comezo da campaña electoral, o PP trata de sacarlle partido ao Diario Oficial de Galiza (DOG) e reforzar a súa maquinaria electoral. Estas son as medidas máis salientábeis da última semana.

Aumento da captura de sardiña

Entre as medidas anunciadas polo Goberno galego na última semana destaca a da Consellaría do Mar en relación ao aumento dos topes de capturas de sardiña para o xeito. Unha medida que entra en vigor esta segunda feira e que suporá que durante o mes de setembro cada tripulante poida pescar até 60 quilos.

O incremento da captura da sardiña era unha das principais reivindicacións do sector do cerco, que ve nesta actuación unha clara medida electoralista.

Convenio con “Long Hope”

Mar autorizou esta semana a sinatura dun convenio de colaboración coa Asociación Long Hope para financiar os gastos dos colectivo na defensa do recoñecemento da pensión de xubilación por traballar na frota de Noruega. A Xunta asegura que con esta subvención será posíbel sufragar o custo dos procesos xudiciais, a redacción de informes, gastos derivados do trámite administrativo, viaxes... O importe total é de 70.000 euros.

O colectivo Long Hope leva anos manifestándose nas rúas do país e reclamando a atención do Goberno español e do Goberno galego para resolver a súa problemática. Após anos de loita social e a escasos días do comezo da campaña electoral, a Xunta fai públicas estas axudas.

Obra de dragado do porto de Vilaxoán

Tamén a Consellaría do Mar, un dos departamentos que presentan unha maior actividade conforme se achega o 25 de setembro, anunciou que contratará nos próximos días a obra de dragado do porto de Vilaxoán cun orzamento de 20.000 euros.

Axudas á pesca

Aliás, o DOG publicou a orde para a concesión de axudas a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sustentábel das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020. Máis unha medida impulsada por Mar.

Medidas urxentes para os danos dos incendios

O decreto de medidas urxentes para a reparación dos danos ocasionados polos incendios forestais, que contempla unha partida de 10 millóns, é outra das actuacións aprobadas pola Xunta de Galiza a escasos días de iniciarse a campaña electoral dos comicios galegos.

Obras no centro de saúde de Outeiro de Rei

Aliás, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asinou co alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao (PP), un convenio para acometer obras de reforma e mellora no centro de saúde da localidade. As actuacións contarán cun orzamento superior aos 60.000 euros.

Obras en colexios

A Xunta tamén vén de licitar as obras de ampliación e remodelación de tres centros educativos de primaria situados en Ames (400.000 euros), Tui (24.050 euros) e O Porriño (54.046 euros).

Obras na estrada Tui-A Ramallosa

Na mesma semana, a Consellaría de Infraestruturas anunciou que esta terza feira encetará as obras de reforzo do firme da estrada Tui-A Ramallosa (PO-340) ao seu paso por Tui, Gondomar e Nigrán.

Senda peonil en Láncara

A Consellaría de Infraestruturas e Vivenda tamén deu conta de que destinará 340.000 euros á construción dunha senda peonil en Láncara e á ampliación da ponte sobre o río Neira.

Proxecto sectorial da Cidade do Moble

O DOG tamén publicou nos últimos días a resolución que fai pública a aprobación definitiva do proxecto sectorial da Cidade do Moble da Estrada, que xa fora aprobado polo Consello da Xunta o 21 de xullo.

Saneamento da ría de Pontedeume. Primeira fase.

Nos últimos días, a Consellaría de Medio Ambiente anunciou que destinará 4,3 millóns a acometer a primeira fase de mellora do saneamento da ría de Pontedeume, unha demanda histórica da veciñanza.

Axudas ao comercio no rural

O DOG tamén acolleu nos últimos días a publicación de axudas a once concellos galegos de menos de 20.000 habitantes para que poñan en marcha espazos activos de emprendemento comercial no rural, unha actuación da Consellaría de Economía que conta cun orzamento de case 550.000 euros.

Axudas á formación de persoas autónomas

A Consellaría de Economía comprometeuse a multiplicar por 18 a partida que destinará á formación de persoas ocupadas para o colectivo de autónomos. A contía, segundo o conselleiro Francisco Conde, ascenderá aos 3 millóns.

Comentarios