O PP tenta manter o poder (á desesperada)

Rafael Louzán e Esperanza Aguirre lánzase aos pactos --sen demasiado éxito-- para perpetuárense no goberno. Yolanda Barcina, de UPN, séguelles os pasos.

Esperanza Aguirre
photo_camera Esperanza Aguirre

Os resultados do 24 de maio teñen millentas lecturas mais, unha delas é que algúns gobernos que semellaban perpetuos non eran tal. Eis o caso da Deputación provincial de Pontevedra en mans do Partido Popular desde hai dúas décadas. Porén, logo dos comicios municipais, a suma de deputad@s de PSOE, BNG e a Marea de Vigo podería arrebatarlle a institución a Rafael Louzán. 

Nun intento por manter --á desesperada-- o goberno da provincia, Louzán ofreceu un pacto ao Bloque Nacionalista Galego. "Por que non podería habelo?", dixo. "Probabelmente é a opción que máis lle interesa aos cidadáns", acrecentou. Unha "coligazón de goberno" que Louzán ve como o "pacto máis natural".

Porén, o grupo municipal do BNG non ve tal. Neste senso, César Mosquera asegurou que hai "moi poucas ou ningunha probabilidade" de que a proposta de Louzán chegue a se materializar. Nos últimos días o propio Mosquera apelou á calma na conformación da nova equipa provincial e lembrou ao PSdeG-PSOE que non formarán goberno "só para aplaudir", o que non augura unha decisión rápida. 

Aguirre di de Podemos (Ahora Madrid) que son "anticonstitucionalistas" de "esquerda radical" e UPN afirma que EH-Bildu en Nafarroa senta un contexto semellante á Alemania previa ao nazismo

Mais non só Rafael Louzán se animou ao pacto dentro dun partido político como o PP que demonizou esta fórmula de goberno durante décadas. Após os comicios do 24-M outras foron as voces que se apuntaron a esta idea. A máis sonada a dunha Esperanza Aguirre desatada perante os medios de comunicación ofrecéndolle ao candidato socialista, Miguel Ángel Carmona a propia Alcaldía de Madrid malia contar cun menor número de escanos. E, por se isto non for suficiente, ofreceu a súa saída para non entorpecer o pacto. 

Esperanza Aguirre
A proposta de Aguirre dirixiuse, para alén do PSOE, a Ciudadanos que --ao contrario que Carmona-- non rexeitou de maneira taxativa a idea. 

O obxectivo de Esperanza Aguirre, como ela mesma indicou, é "frear a Podemos" e o que ela coida unha organización "anticonstitucionalista" da "esquerda radical". As súas declaracións axiña fixeron ferver as redes sociais ao detectarse certo nervisismo na súa proposta. 

Yolanda Barcina (UPN)
O mesmo que levou a presidenta en funcións de Nafarroa, Yolanda Barcina (UPN), a asegurar que o panorama político após o 24 de maio tornaba o territorio nun contexto semellante ao da "Alemaña de antes das guerras mundiais", é dicir, previa ao nazismo. 

Un posíbel acordo entre Geroa Bai, EH Bildu, Podemos e IU exaspera a marca branca do PP en Nafarroa (UPN) que clama por un pacto co PSE para impedir un cambio de réxime. Ao grupo socialista piden sentido da responsabilidade, din, por Nafarroa e España. 

Comentarios