Porta aberta á fin de Ence na Ría de Pontevedra

O PP teima en saír á defensa de Ence

Paula Prado cualifica de “interferencia partidista” a actuación da Avogacía do Estado sobre Ence.

paula_prado (1)
photo_camera Paula Prado, viceportavoz parlamentaria do PP

O Partido Popular considera como unha “interferencia partidista” do goberno central a actuación da Avogacía do Estado sobre a prórroga a Ence na ría de Pontevedra. Así o denunciou en rolda de prensa Paula Prado, viceportavoz parlamentaria do PP, ao tempo que demandou unha rectificación e non pregarse aos recursos xudiciais presentados contra a prórroga da concesión. Esta prórroga foi autorizada polo anterior goberno de Mariano Raxoi cando se atopaba en funcións e permite a Ence a súa continuidade no emprazamento actual até o ano 2073.  

Prado considera que a actuación da Avogacía do Estado desautoriza a Dirección xeral de sustentabilidade da Costa e do Mar, e valora que está a provocar un importante descrédito das institucións e “inseguridade xurídica” para conserveiras e depuradoras.

Desta maneira, o goberno galego continúa na liña de defender a permanencia de Ence, como xa avanzou Feixoo afeando a decisión do Goberno central de non defender a prórroga a Ence na causa aberta na Audiencia Nacional, e que abre a porta á fin do complexo contaminante na ría.

Ante a defensa do PP a prol da permanencia de Ence e o seu modelo forestal, Ana Pontón acusou a Feixoo durante a sesión de control ao goberno, de actuar como “conselleiro delegado de Ence”. Na mesma liña, a concelleira e tenente de alcalde de Pontevedra, Carme Da Silva, denunciou nunha entrevista concedida a Sermos Galiza a actitude de Feixoo, cualificándoa de “saltar coma un resorte para exercer de portavoz de Ence”. Nesta entrevista, Da Silva detallou os motivos nos que se apoiou o goberno de Pontevedra para presentar un recurso contencioso-administrativo contra a prórroga da concesión de Ence, outorgada por un Raxoi en funcións.

Comentarios