O PP sostén a valedora que “enchufou” a irmá do seu portavoz

Os grupos da oposición pedían o cesamento de Milagros Otero. O apoio do Partido Popular mantena no posto malia a resolución do TSXG. 41 votos fronte a 37

valedora parlamento
photo_camera O presidente do Parlamento e a Valedora do Pobo, nunha comisión parlamentar

Milagros Otero continúa como Valedora do Pobo. Non importa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anulase o nomeamento da xefa de servizo da administración e persoal da Valedora por considerar que no proceso se cometeron importantes irregularidades e que houbo trato de favor por parte de Otero que beneficiou a irmá do portavoz do grupo parlamentar conservador. O PP apuntalouna no posto fronte a unha oposición que conxuntamente pedía o seu cesamento. 41 votos fronte a 37.

“Non houbo desvío de poder”, asegurou Paula Prado, portavoz do PP no debate parlamentar previo á votación do cesamento da Valedora. “Pode ser que houbese erros no expediente”, recoñeceu, ao tempo que insistiu en que Otero “cumpriu coas súas obrigas” durante estes anos de mandato. Prado dixo que “aquí non estamos en sede xudicial” para tirar ferro aos argumentos da sentenza do TSXG e defender “a honorabilidade” da valedora e do propio portavoz parlamentar do PP. Botou man a popular da decisión de Otero de recorrer unha resolución que non era firme para negar o cesamento: “Non imos tomar decisións firmes cando non hai sentenzas firmes”.

Xosé L. Rivas ‘Mini’, do BNG, foi quen abriu a quenda de intervencións da oposición. Lembrou que o Bloque non apoiara o nomeamento de Otero para este cargo e afirmou que o caso da valedora mostra una forma de entender o goberno: “Estamos una vez máis nas mañas do PP na administración”, dixo. “Foi una elección a dedo”, denunciou o nacionalista, referíndose ao nomeamento da funcionaria, un exemplo “de que continuamos nun sistema caciquil”.

“Eu votei a valedora. As cousas mudaron. Hoxe votarei o seu cesamento”. Patricia Vilán resumiu así a mudanza de posición do PSdeG, que en 2015 apoiara a designación de Otero. Vilán insistiu en que actualmente no parlamento a valedora non ten o apoio dos 3/5 das Cámara que son precisos para a súa designación e acusouna de “vivir nunha realidade paralela”.

Por último, Luís Villares (En Marea) acusou Otero de “defraudar esta Cámara” e dixo que o debate que se estaba a dar no Parlamento era “se imos tolerar ou non que haxa xente que use as administración públicas en beneficio persoal”. O portavoz de En Marea acusou a valedora de “abusar da súa posición de poder” para “enchufar unha amiga”.

De nada valeron os argumentos da oposición. A votación —secreta— deixou un resultado concluínte: 34 votos a favor do cesamento da valedora; 41 en contra. O PP salvou Milagros Otero.

Comentarios