Análise

O PP segue sangrando pola ferida de Verín

O pasado 30 de novembro centos de persoas volveron a concentrarse diante do hospital de Verín cofin  de rexeitar o expediente aberto pola Xunta da Galiza a Javier Castrillo, xefe do servizo de Xinecoloxía do centro. Este acto simbolizou a oposición á proposta de recortes de servizos sanitarios do Goberno galego.
Concentración ás portas do hospital de Vería en solidariedade con Castrillo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concentración ás portas do hospital de Vería en solidariedade con Castrillo. (Foto: Europa Press)

A comarca de Monterrei volve ferver. O pasado 30 de novembro, cando se cumpriu un ano do comezo das mobilizacións contra o fechamento do paridoiro de Verín que abanearon o panorama político galego, centos de persoas volveron para concentrarse ás portas do hospital da zona co fin  de rexeitar o expediente aberto pola Xunta da Galiza a Javier Castrillo, xefe do servizo de Xinecoloxía do centro, que simbolizou a oposición á proposta de recortes de servizos sanitarios do Goberno galego. Un expediente de sanción que sitúa en primeiro plano a vontade de Núñez Feixoo de centralizar a atención hospitalaria nos centros urbanos, a decisión da Xunta de amordazar ás críticas a súa xestión e as discrepancias entre o PP galego e a súa sucursal ourensá.

O Partido Popular non esquece as consecuencias de tentar fechar o paridoiro de Verín. A un tempo, significou un freo ao proceso de desmantelamento dos hospitais comarcais, iniciada na pasada lexislatura, coa supresión das áreas sanitarias da Mariña, O Barco, Monforte de Lemos ou Verín, e a súa conversión en distritos dependentes dos núcleos urbanos de referencia. Por outra banda, empuxou unha vaga de protestas de carácter nacional que colocou no centro do debate social, ás portas das eleccións galegas, as políticas de retallos da sanidade pública de Feixoo.

Por último, debilitou a base de apoio social e electoral do PP na comarca de Monterrei e moi particularmente no concello de Verín, onde os populares lograron nas últimas eleccións galegas o 41,08% dos sufraxios, 12 puntos menos que no conxunto da circunscrición de Ourense e 11 menos que nos comicios de 2016 na localidade.

Núñez Feixoo e Baltar diverxen nos obxectivos e na solución do problema. O presidente galego aposta por sancionar Castrillo cunha intención exemplarizante e na perspectiva de lanzar unha mensaxe ao conxunto dos profesionais sanitarios ao comezo dunha lexislatura onde a Xunta da Galiza ten previsto rematar o proceso de desmantelamento dos hospitais comarcais e avanzar na redución da carteira de servizos dos centros locais de saúde.

Neste contexto, volve emerxer a figura do xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial, executor das políticas de Feixoo na zona, desprazado das súas responsabilidades en Vigo polos seus conflitos cos sindicatos e coas organizacións en defensa da sanidade pública e considerado por algún responsábel do Sergas como “un duro, entre os duros”. “A Rubial gústalle o sangue, porén non se tería metido a tramitar a sanción se non contara co apoio de Feixoo”, sinala a Nós Diario un antigo compañeiro de Rubial.

Baltar busca minorar a perda de apoio social e electoral  do PP en Monterrei. Os populares ourensáns consideran que o expediente contra Castrillo vai avivar a protesta na comarca e están advertidos polos seus alcaldes na zona que unha redución na carteira de servizos do hospital debilita as súas posibilidades.

A este respecto, o barón ourensán tenta convencer Feixoo para que rectifique a súa postura e paralice o expediente a Castrillo, porén o presidente galego ten a ollada posta na reorganización do sistema sanitario galego e para levala adiante precisa meter medo e amordazar as e os traballadores do sector.

Máis en POLÍTICA
Comentarios