O PP rexeita suministrar tratamento contra o VHC á poboación reclusa

A Plataforma de persoas afectadas pola hepatite C acusou a formación de ser unha "panda de sádicos". 

IMG_1926
photo_camera Concentración ás portas do Hórreo [O.R.]

Fixérao na Comisión 5ª de Sanidade hai apenas dúas semanas e volveron repetilo en sesión plenaria. O Partido Popular rexeitou esta cuarta feira cos seus votos que sexa o Sergas quen suministre á poboación reclusa nas prosións galegas os novos fármacos para o tratamento do virus da hepatite C (VHC). 

Nen o apoio de todas as forzas da oposición á iniciativa presentada pola Plataforma de persoas afectadas e Esculca --defendida pola deputada do PSdeG, Carmen Acuña-- nen a sentenza do 20 de maio de 2015 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) foron suficientes para apear o grupo parlamentar popular da súa posición. 

Desde a plataforma, o seu voceiro, Quique Costas, asegurou sentiren "frustración, raiba e, sobre todo, dor" polo resultado da votación. "Hai persoas que están a sufrir situacións moi graves e cara ás que o grupo popular non manifesta absolutamente ningunha empatía", subliñou á saída do Pazo do Hórreo Costas. "Para nós é absolutamente intolerábel". 

E é que a poposición non de lei reclamaba á Cámara lexislativa instar a Xunta a "tomar as medidas necesarias para que [...] o Sergas procesa a dispensar, sen máis dilación, os novos fármacos para a Hepatite C a todas as persoas internas nos centros penitenciarios galegos".

Montse Prado: "Á privación de liberdade non se lle pode acrecentar máis condena"

Para alén do estabelecemento dun "sistema coordenado entre o Sergas e a Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias" á fin de pemitir a "aplicación efectiva e máis eficaz posíbel do disposto no Plan para a abordaxe" desta enfermidade nas cadeas. Porén, o PP oponse. 

Dobre condena

Neste senso, Carmen Acuña denunciou na súa quenda de réplica que o goberno galego "[non ten] nen ética, nen estética, nen sentido común". A parlamentar socialista acusou o executivo na exposición da iniciativa de estar a cometer "a maior inxustiza que se pode cometer en política" ao discriminar "as persoas no acceso á sanidade". Unha denuncia que reiteraron as demais formacións do arco parlamentar nas súas quendas de intervención. Un feito, sinalou Eva Solla (AGE), que "nada importa cando as bases do estado se manteñen sobre a usura". 

Acuña: "Están privados de liberdade, non condenados a morte"

BNG, AGE, PSdeG e Grupo Mixto denunciaron a "dobre condena" que supón para a poboación reclusa o feito de ficar excluída dos tratamentos de nova xeración que si están a ser suministrados entre @s doentes que se atopan en liberdade. "A esa privación de liberdade non se lle pode acrecentar máis condena", sinalou a deputada do Bloque, Montse Prado, quen tildou de "exercicio de crueldade" a posición do PP. 

A razón pola que se está a excluír @s pres@s destes fármacos é un conflito competencial entre a Xunta de Galiza e Institucións Penitenciarias --dependente do Ministerio do Interior. Neste senso, malia existir unha sentenza xudicial ditada polo Tribunal Superior de Xustiza que obriga o Sergas a dispensar o medicamento e, por ende, correr cos gastos asociados a el, aínda que non estivese resolto o conflito; a Plataforma de persoas afectadas pola hepatite C e Esculca recoñecen que o número de doentes privad@s de liberdade que reciben tratamento "apenas chega a 10". 

Eva Solla:  "Nada importa cando as bases do estado se manteñen sobre a usura"

Desde o PP afirman que "o Sergas cumpriu a sentencia do TSXG, faltaría máis", porén non estende o acceso a todas as persoas contaxiadas obrigando a que os tratamentos sexan demandados xudicialmente --unha tarefa que está a desenvolver Esculca xunto co grupo Concepción Arenal, da Coruña. Aliás, o deputado do PP, Núñez Centeno, apelou á existencia dun "47% de reclusos que rexeitan o tratamento". A razón, a falta de información e a obriga de seren deslocad@s a centros penitenciarios en Madrid. 

Comentarios