Sanidade pública

O PP rexeita unha moción de En Marea para a reformulación da atención primaria

O Parlamento de Galiza rexeitou cos votos das e dos deputados do Partido Popular unha moción presentada por En Marea que incluía unha batería de 35 medidas destinadas a reformular o plan de atención primaria da Xunta de Galiza.

Parlamento de Galicia
photo_camera Parlamento de Galicia

O Partido Popular rexeitou no pleno do Parlamento Galego unha moción presentada polo grupo de En Marea que procuraba a reformulación do plan de atención primaria da Xunta de Galiza e incluía 35 medidas para tal fin.

A moción debateuse na sesión plenaria da terza feira no Pazo do Hórreo mais non saíu adiante ao atoparse coa negativa da maioría absoluta de Alberto Núñez Feixoo.

En Marea avoga por establecer un cupo máximo de 1250 pacientes por profesional médica ou enfermeira e limitar a 30 o máximo de pacientes por día

Entre as propostas presentadas na moción de En Marea, salientan as que avogaban por considerar os e as profesionais sanitarias como o patrimonio de maior valor no sistema de saúde e coidar as súas condicións laborais para un desenvolvemento laboral digno.

Flora Miranda de En Marea denunciou as medidas da Xunta de Galiza como unha "fuxida cara a adiante e cualificou o plan de insuficiente

Tamén figuraba elaborar un novo modelo de Atención primaria cunha correcta dotación de profesionais de cada categoría, optimizando o papel da enfermaría no manexo da cronicidade.

En Marea defendía na súa moción dotar dun 25% de orzamento, no menor prazo posíbel, a Atención primaria de saúde, excluíndo o importe do gasto farmacéutico.

Outra prioridade sería establecer un cupo máximo de 1250 pacientes por profesional médica ou enfermeira e limitar a 30 o máximo de pacientes por día, dotando de profesionais suficientes a Atención primaria co obxectivo de non xerar listas de agarda.

Montse Prado afirmou que as e os profesionais da atención primaria precisan e demandan un orzamento que mellore a planificación

Así mesmo, a moción tamén defendía a posta en marcha dun plan “ambicioso” de recuperación de profesionais emigrados e de “fidelización” de profesionais procedentes doutros ámbitos (urxencias, privada, etc).

O deputado popular Aurelio Núñez Centeo enxalzou o Plan de mellora da atención primaria do Servizo galego de saúde (Sergas) para o período 2019-2021, e afirmou que estará dotado dun total de 102 millóns de euros e que prevé contratar a 331 profesionais.

Centeo acusou a oposición de non valorar a “posta en marcha do plan”

Así mesmo, Centeo acusou a oposición de non valorar a “posta en marcha do plan”, e aseverou que xa está a ter medidas en funcionamento dirixidas a facer fronte á “falla de profesionais e o envellecemento poboacional”, que para Centeo son “os dous problemas fundamentais da atención primaria”.

A deputada de En Marea Flora Miranda denunciou as medidas da Xunta de Galiza como unha "fuxida cara a adiante e cualificou o plan de insuficiente, ante o cal expresou o seu apoio á folga na atención primaria do próximo 19 de xuño.

A deputada do BNG Montse Prado afirmou que as e os profesionais da atención primaria precisan e demandan un orzamento que mellore a planificación. O deputado do PSOE Julio Torrado fixo fincapé no défice de persoal e na precariedade laboral no sector.

Comentarios