O PP rexeita unha lei de publicidade institucional após a prometer en 2009

Opúxose á toma en consideración da iniciativa proposta pola Asociación de medios en galego e defendida na Cámara polo BNG.

Paula Prado en sede parlamentar (Foto: Nós Diario).
photo_camera Paula Prado [Arquivo]

O grupo parlamentar do PP votou en contra esta terza feira (24 de febreiro) da proposición de lei presentada pola Asociación de medios en galego através do BNG. A iniciativa visaba a toma en consideración dunha Lei de publicidade institucional para dotar a xestión dos fondos públicos investidos nesta materia de criterios de "obxectividade" e "transparencia" na súa asignación. 

Porén, desde as bancadas do Partido Popular opuxéronse á súa tramitación embora prometeren en 2009 lexislar ao respeito, como lembraron as forzas da oposición. "Non serve nen para comezar a falar, nen para emendar", criticou duramente a voceira do PP, Paula Prado. 

O obxectivo da iniciativa era "regular a relación dos medios de comunicación co poder político", explicou a deputada do Bloque, Monste Prado perante o "enorme poder de influencia" da imprensa. Para iso, a proposición lexislativa estabele unha serie de criterios na adxudicación da publicidade institucional baseados na "concorrencia" e "transparencia",mais tamén na obriga estatutaria que atinxe o goberno galego na "promoción" e "difusión" da lingua galega. 

Neste senso, a deputada do BNG lembrou que actualmente os medios escritos prácticamente na súa integridade en español concentran o 75% dos fondos públicos de acordo co principio de difusión que prima na asignación das campañas, baseádose en criterios de audiencia. 

Control

O debate parlamentar trascendeu ao propio texto lexislativo presentado para xirar arredor do "dereito á información veraz" e o "control político" dos medios de comunicación através de asignacións orzamentarias. "Hai que regular para vencer o uso partidista dos medios e o mal uso do diñeiro público", sinalou Xabier Ron (AGE) fronte ao que a oposición tildou de "relación obscenda" entre a Xunta e a imprensa sistémica. 

"Hai que regular para vencer o uso partidista dos medios e o mal uso do diñeiro público"

Destarte, @s parlamentares de BNG, Grupo Mixto, AGE e PSdeG-PSOE lembraron algunhas das campañas da Xunta de Feijóo polas que foron reprendid@s en campaña electoral "até en 9 ocasións", apuntou Chelo Martínez (Grupo Mixto). Naquela altura a Xunta electoral exixiu a retirada de informacións e campañas institucionais que contraviñan a lexislación vixente por constituíren auto-gabanzas da xestión política do goberno. 

"Non vale nen para emendar"

Porén, a portavoz do Partido Popular, Paula Prado, chegou a asegurar na súa quenda de intervención que "non atoparán ningunha campaña a destacar logros de xestión do Goberno galego" nas dúas lexislaturas de Feijóo. Ao contrario, dixo, que no período bipartito. Prado tirou de campañas como os servizos de axuda á dependencia para exemplificar a súa posición batendo contra o lema institucional escollido pola Vicepresidencia da Xunta. Un sucinto "in-dependencia". 

Prado defendeu o "rigor" na asignación das campañas polo goberno do PP do que dixo "nunca houbo tanto". De maneira que avanzou o voto contrario á proposición lexislativa batendo contra a iniciativa elaborada pola Asociación de medios en galego. "Non vale nen para emendar", afirmou. 

A respeito da atribución das axudas e campañas polo uso da lingua propia, Prado despachouse cun "non hai igualdade se non se dá un trato igualitario". Desta maneira criticou o estabelecemento de medidas de discriminación positiva cara aos medios integramente en galego. "Todos son galegos", dixo. A lei estabelecía un máximo do 60% das contratacións para calquera medio e medidas específicas para aqueles que empregan a lingua propia. 

Comentarios