O PP rexeita investigar a súa caixa B

O financiamento irregular dos populares galegos volve ao Parlamento
Pleno do Parlamento galego
photo_camera Pleno da Cámara galega (Foto: Parlamento galego)

As dúbidas sobre a contabilidade do PPdeG volveron esta terza feira, 13 de abril, ao Parlamento da man do BNG. Os nacionalistas, nunha iniciativa defendida por Luís Bará, solicitaron a constitución dunha comisión de investigación sobre a participación dos populares galegos no financiamento irregular da formación a nivel estatal. Neste sentido, Bará lembrou que “ao fío do proceso xudicial fixéronse públicas diferentes informacións que implican de cheo o PP da Galiza, como confirmou o ex tesoureiro, Luis Bárcenas, ante o xuíz, declarando que en 2010 o PP de Pontevedra entregou 50.000 euros en negro na sede de Xénova”. 

O deputado nacionalista sinalou que “existe un longo historial que vincula o PP galego coa trama de financiamento ilegal, tendo en conta que Pablo Crespo, considerado número dous da Gürtel, foi secretario de organización do partido na Galiza durante case unha década e confesou que o 75% do orzamento das campañas electorais era diñeiro negro”. Ao tempo, destacou, en relación á causa polos papeis de Bárcenas, que “na documentación do procedemento xudicial tamén se fai referencia ao informe de 2006 do entón xerente do PP, que rexistra mordidas a empresas por valor de 1,8 millóns” de euros.

O grupo parlamentario socialista apoiou a iniciativa do BNG afirmando que “a corrupción do PP pasa por Galiza e remata na Galiza”. A este respecto, o deputado socialista Pablo Arangüena considerou que “a creación dunha comisión de investigación non é un capricho, senón unha cuestión necesaria, un asunto de estrita hixiene democrática e de máximo interese para a cidadanía. Cómpre disipar as sospeitas sobre un Goberno que debe xestionar a máis importante inxección de fondos europeos da historia da Galiza”.

O último pago da caixa B

Arangüena ironizou con que “o carácter de Feixoo levouno a manter unha relación case familiar cun contrabandista” e lembrou que “cando Feixoo durmía na casa de Marcial Dorado xa fora detido en máis dunha ocasión”. “A única contabilidade aludida no caso Kitchen é a do PP galego”, continuou o deputado socialista, quen salientou que “o antigo xerente do PP, Cristobal Páez, e Luis Bárcenas, malia a súa mala relación e malia manteren estratexias procesuais enfrontadas, coincidiron en que a última operación da caixa B do PP foi un pago realizado en 2010 polos populares de Pontevedra, cando Feixoo levaba catro anos como presidente do partido na Galiza”

Os populares rexeitaron a constitución da comisión de investigación afirmando que “o PPdeG non ten relación ningunha coa Gürtel e nada do que arrepentirse neste caso”. Malia que nun momento da súa intervención o deputado popular José Alberto Pazos se amosou disposto a pedir “desculpas polos erros, si, execución na praza pública, non”, boa parte da súa quenda empregouna en atacar a acción de Goberno de Executivos en mans de socialistas e nacionalistas.

Pazos, quen negou que o PP fora condenado pola Audiencia Nacional a título lucrativo na primeira parte da causa Gürtel, sinalou que os informes recollidos nos procedementos xudiciais en relación coa contabilidade irregular dos populares “foron rexeitados pola xustiza, para quen non existe ningunha relación entre o PP galego e o caso Gürtel”. “Non precisamos desta comisión de investigación parlamentaria para chegar a conclusións escritas desde hai oito anos”, aseverou Pazos. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios