Operación Zeta: nin comparecencia de Feijóo nin comisión de investigación

O grupo que apoia o goberno rexeitou as iniciativas da oposición para non "politizar" o caso.

Arriba: Rueda, Pachi Lucas e Bello Janeiro. Diante: Rajoy, Feijóo e Louzán. Foto: El País
photo_camera Arriba: Rueda, Pachi Lucas e Bello Janeiro. Diante: Rajoy, Feijóo e Louzán. Foto: El País

As forzas da oposición tentaron, sen éxito, que o caso dunha fraude nos cursos de formación para desempregad@s financiados pola Xunta, sexa tratado no Parlamento. 

Esta terza feira (11 de novembro) senllas iniciativas presentadas por BNG, AGE e PSdeG defenderon a creación dunha comisión de investigación e a comparecencia do presidente da Xunta de Galiza en sesión plenaria para explicar a súa relación de amizade cunha das persoas imputadas na 'Operación Zeta', Pachi Lucas. 

A oposición tentou, sen éxito, que Feijóo e o PP dean explicacións sobre unha suposta fraude na adxudicación de subvencións ás empresas de Crespo

O voceiro parlamentar do PSdeG, José Luís Méndez Romeu, defendeu ao comezo da sesión plenaria incorporar á orde do día a comparecencia do mandatario galego --e presidente do PPdeG. Porén, o PP aproveitou a maioría absoluta na Cámara para tombar a proposta, apoiada polas demais forzas da oposición. 

Cumpre lembrar que na 'Operación Zeta' o principal imputado é Gerardo Crespo, militante do PP coruñés e propietario das empresas que recibiron supostamente de maneira fraudulenta 20 millóns de euros en subvencións públicas entre 2008 e 2012. Aliás, Feijóo era íntimo amigo do 'conseguidor', a persoa que tería actuado de nexo entre Crespo e altos cargos do Partido Popular. 
 

O PP négase a falar para non "politizar" o caso

Poucas horas despois, a Cámara volvía debater sobre o caso de corrupción con motivo da proposta de creación dunha comisión de investigación, desta volta a iniciativa de BNG e AGE. Máis unha vez, os votos do grupo parlamentar popular rexeitaron que a Cámara de representantes coñeza que hai de certo nas acusacións que apuntan a unha presunta fraude na adxudicación de subvencións. 

Porén, desde o Partido Popular, Miguel Tellado rexeitou a iniciativa para non "politizar" o caso que está, recalcou, sendo obxecto de investigación por parte da xustiza. Segundo o voceiro do PP a solicitude de creación da comisión constitúe unha "estratexia" dos grupos da oposición para "axustizar o goberno" e facer da "política galega" unha "lameira". 

Comentarios